Un bordado de máis de 1.000 puntadas ilustrará o cartel do Salón do Libro 2026

A artista téxtil Maritza Berttolini é a autora do cartel da XXVII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha peza bordada a man con máis de 40 horas de traballo, 100 metros de fío e referencias á música, aos libros e a Palestina, país convidado en 2026
Bordado Pontevedra
4 Feb 2026

Un bordado artesanal con máis de 1.000 puntadas, 40 horas de traballo e 100 metros de fío será a imaxe da XXVII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará en 2026 baixo o lema Que non pare a música!.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentou o cartel acompañado da súa autora, a artista e bordadora Maritza Berttolini, nacida en México e establecida en Pontevedra desde hai máis de seis anos. Gómez destacou que se trata dunha peza que recolle elementos centrais do Salón, como os libros, a música, o feminismo e tamén unha aposta clara polo feito a man e polas técnicas tradicionais nun contexto marcado pola dixitalización e a intelixencia artificial.

A ilustración bordada incorpora tamén referencias a Palestina, país convidado da edición 2026. Segundo explicou a propia artista, o cartel representa un libro aberto do que nace un pentagrama que se transforma nun camiño cara a un edificio habitado por músicos que tocan desde as fiestras, cun tellado que adopta a forma dun libro musical. A intención, sinalou, é simbolizar a literatura como unha porta cara a un mundo de fantasía e creación.

Maritza Berttolini subliñou o valor do proceso artesanal nun tempo dominado pola rapidez e a produción inmediata. A obra requiriu máis de 40 horas de traballo, nas que a agulla e o fío atravesaron a tea máis de 1.000 veces, empregando arredor de 100 metros de fío. A artista reivindicou o bordado como unha forma de expresión artística, pero tamén como un xeito de crear comunidade, algo que forma parte da súa práctica habitual como docente en Pontevedra.

⚙ Configurar cookies
0.24623703956604