Un convenio entre USC e EAPN Galicia acorda traballar en accións formativas e de sensibilización

A Universidade de Santiago e a federación EAPN Galicia - Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social colaborarán en actividades científicas, pedagóxicas, sociais e culturais. Así o acordaron a reitora Rosa Crujeiras e a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo Fernández.
Entre as actuacións previstas de colaboración figuran proxectos de investigación e desenvolvemento a realizar entre os institutos e centros da USC e EAPN Galicia e as súas 36 entidades membro; accións formativas, informativas e de sensibilización da comunidade universitaria cara a promoción da tolerancia e o respecto e a erradicación de discursos de odio, aporofobia ou exclusión social, ou facilitar os fluxos de información coas organizacións do Terceiro Sector de Acción Social favorecendo tamén a formación, implicación e empregabilidade do estudantado.
Ademais, esta cooperación asinada entre ambas entidades permitirá avanzar na análise da realidade da pobreza e a exclusión social, as súas causas e as propostas para a incidencia das mesmas e a defensa dos dereitos humanos e a xustiza social, promovendo estudos e investigacións así como xornadas, seminarios e foros de reflexión e análise.
Favorecer a participación e o voluntariado de estudantado, profesorado e persoal técnico e promover o deseño e implantación de proxectos de aprendizaxe servizo son outras accións a poñer en marcha, que deberán ser desenvolvidos en convenios específicos.