Un dron construido por un equipo do campus de Ourense compite na Air Cargo Challenge 2026

A aeronave Flamingus, un dron de á fixa deseñado, construído e pilotado polo equipo estudantil UVigo Aerotech do campus de Ourense Universidade de Vigo, participa desde este martes e ata o venres en Alemaña na Air Cargo Challenge 2026, unha das citas interuniversitarias de referencia no ámbito da enxeñaría aeronáutica.
A competición celébrase en Stuttgart e reúne 34 equipos universitarios procedentes de 20 países. O equipo galego é o único representante de Galicia nesta edición, unha circunstancia que os seus integrantes destacan como motivo de orgullo. “Somos o único equipo galego no aeromodelismo estudantil e non podemos estar máis orgullosos de representar a nosa terra, Galicia, nesta competición”, sinalan desde UVigo Aerotech.
O proxecto está desenvolvido por un grupo de 18 estudantes ao longo do curso académico baixo a denominación de Aine, no que participan principalmente alumnos e alumnas do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, así como estudantes do Grao de Enxeñaría Mecánica da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo.
O traballo céntrase no deseño, simulación, fabricación e construción de drons de á fixa para competicións estatais e internacionais, sendo Flamingus o resultado deste curso. Trátase dunha aeronave bimotor de 1,9 metros de envergadura e 1,43 metros de lonxitude coa que compiten en Alemaña. “Fómonos superando ano tras ano, nas competicións nas que participamos, e estamos seguros de que este ano non vai a ser menos. A grande implementación de novidades tecnolóxicas propias en Flamingus fainos soñar ao grande”, explican desde o equipo.
Na Air Cargo Challenge 2026, os equipos son avaliados en probas de voo, inspección técnica e enxeñaría do deseño, ademais de ter que completar un circuíto transportando unha determinada carga. A competición iniciou este martes coa inspección técnica da aeronave e a súa presentación, e continúa coa montaxe completa do dron e as probas de voo.
Desde UVigo Aerotech indican que as probas preliminares de voo resultaron positivas e amósanse confiados no desenvolvemento da competición.
O proxecto organízase en tres departamentos que traballan de forma coordinada ao longo do curso académico: Aerodinámica, Propulsión e Control, e Estruturas e Dinámica. Estes equipos encárganse do deseño da xeometría da aeronave, da optimización do sistema propulsivo e dos sistemas de control, así como da estrutura interna e do tren de aterraxe, combinando formación académica e experiencia práctica nun proxecto de enxeñaría real.