Un estudo internacional coa USC analiza os retos da incorporación da Intelixencia Artificial ao xornalismo

A valoración que fan as persoas profesionais do xornalismo sobre a incorporación da Intelixencia Artificial (IA), o grao de utilización destas tecnoloxías na súa actividade diaria e os desafíos que supón a súa integración nas redaccións son algúns dos aspectos que analiza un estudo internacional no que participa Sara Pérez Seijo, investigadora do grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela, xunto con Paulo Nuno Vicente, da Universidade NOVA de Lisboa (Portugal), e Suzana Barbosa, da Universidade Federal da Bahia (Brasil). O traballo, titulado ‘Artificial intelligence and journalism in Ibero-America: A comparative study of perceptions, practices and challenges’, foi publicado na revista científica European Journal of Communication.
A investigación parte dunha enquisa realizada a 271 xornalistas de Portugal, España e Brasil. As respostas recollidas apuntan a un interese polas posibilidades que ofrece a IA, pero tamén a un coñecemento destas ferramentas que continúa a ser principalmente básico. As persoas participantes manifestan, ademais, unha demanda de formación específica, nun contexto no que as oportunidades de capacitación formal seguen a ser escasas.
Entre as principais preocupacións expresadas figuran as implicacións éticas do uso destas tecnoloxías, a autonomía editorial, a transparencia e o seu posible impacto no emprego e nas dinámicas de traballo das redaccións. O estudo tamén sinala a limitada implantación de directrices editoriais formais sobre o uso da IA e a falta de transparencia que aínda rodea a incorporación de contidos xerados mediante estas ferramentas.
O traballo pon de relevo a importancia de acompañar a incorporación da IA ao xornalismo con formación, directrices claras e mecanismos de supervisión humana. Os resultados apuntan así á necesidade de abordar os cambios tecnolóxicos sen perder de vista a responsabilidade editorial e os principios éticos que sustentan a práctica xornalística.