Un estudo promovido por Amabul confirma o extraordinario valor fúnxico do Val do Ulla

O proxecto Micobiota Ullá, desenvolvido por AMABUL no marco de COGOMELAR Semana Micolóxica Galega, coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Vedra, confirma o extraordinario valor fúnxico do Val do Ulla e o seu elevado interese para o estudo da biodiversidade de fungos. Os resultados preliminares da investigación, na que participou un equipo integrado por especialistas de recoñecido prestixio no ámbito da micoloxía, permitiron identificar máis dunha decena de primeiras citas para Galicia e unha primeira cita para España, actualmente en proceso de validación científica.
Ao longo de seis días de traballo, desenvolvidos entre os días 18 e 23 de outubro de 2026, leváronse a cabo prospeccións en diferentes localizacións dos concellos de Vedra, Teo e A Estrada, combinando observación e recolla controlada de exemplares, identificación taxonómica, análise microscópica, rexistro estandarizado de observacións e selección de mostras para estudos complementarios.
O ámbito de estudo abrangueu diferentes hábitats asociados ao curso medio do río Ulla, incluíndo bosques de ribeira, carballeiras e outros ecosistemas de elevado interese ecolóxico, moitos deles vinculados á ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza. De maneira preliminar, a investigación permitiu documentar arredor de 660 especies de interese micolóxico, entre as que figuran máis dunha decena de primeiras citas para Galicia e unha primeira cita para España, revelando unha extraordinaria diversidade fúnxica e confirmando o elevado interese micolóxico dos ecosistemas asociados ao curso medio do río Ulla.
Parte dos achados identificados requirirá aínda traballos complementarios de revisión e validación taxonómica. Por este motivo, os detalles sobre as especies localizadas e o alcance definitivo dalgúns dos rexistros serán dados a coñecer progresivamente nos vindeiros meses a través das correspondentes canles científicas e divulgativas.
Para AMABUL, os resultados de Micobiota Ullá reforzan a necesidade de seguir avanzando no coñecemento da biodiversidade fúnxica galega e consolidan o papel de COGOMELAR como unha iniciativa de referencia para a divulgación e investigación micolóxica. O proxecto permitiu amais fortalecer a colaboración entre especialistas de diferentes territorios, xerar novo coñecemento sobre a biodiversidade fúnxica galega e sentar as bases para futuras publicacións científicas e novas liñas de investigación.