Un estudo revela que comunidades prehispánicas construíron un enorme sistema hidráulico en Colombia sen gobernos centralizados

Un estudo internacional no que participa a Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de demostrar que as comunidades prehispánicas da rexión de La Mojana, no Caribe colombiano, foron capaces de construír un dos sistemas hidráulicos máis extensos de América sen necesidade de gobernos centralizados nin estruturas estatais complexas.
A investigación, publicada na revista Communications Sustainability e desenvolvida xunto á Universidade de Cambridge e ao Instituto Colombiano de Antropoloxía e Historia (ICANH), analiza unha rede de canles e campos elevados que chegou a ocupar unhas 500.000 hectáreas. Estas infraestruturas empregáronse desde os primeiros séculos antes de Cristo ata o século XI e permitían controlar as inundacións e aproveitar os recursos hídricos durante as épocas secas.
Os resultados cuestionan a idea tradicional de que obras desta magnitude só podían ser impulsadas por sociedades fortemente xerarquizadas. Segundo o equipo investigador, os sistemas puideron ser construídos mediante a cooperación entre comunidades locais, capaces de organizar e executar os traballos nun período moito máis curto do que se pensaba ata agora.
Para chegar a estas conclusións, o equipo cartografou mediante imaxes de satélite unha superficie de 500 hectáreas no municipio de San Marcos, equivalente a uns 700 campos de fútbol. O estudo permitiu analizar con detalle 1.600 camellones e 63 plataformas habitacionais, desenvolvendo ademais unha nova metodoloxía para calcular o esforzo necesario para a súa construción.
Ademais da súa relevancia histórica, os investigadores consideran que este modelo de xestión da auga podería servir de inspiración para afrontar os problemas actuais de inundacións e secas que afectan a Colombia. O traballo forma parte do proxecto europeo REVERSEACTION e conta coa participación do profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC Miguel Carrero Pazos.