Un incendio forestal en Marín obriga a mobilizar medios terrestres e aéreos pero queda controlado sen danos

Un incendio forestal declarado este domingo en Marín, na zona de A Moreira, mantivo en alerta durante máis de tres horas a veciñanza. As lapas comezaron preto das 15:20 h nunha zona de monte con moita vivenda unifamiliar, o que xerou preocupación entre os mariñenses, especialmente entre as persoas que estaban na praia e observaban como o fume se estendía formando unha gran columna no ceo.
Foi un particular quen alertou ao 112 da presenza de “fume intenso nas inmediacións do campo de fútbol”. A partir desa chamada activouse o protocolo de emerxencias e Medio Rural mobilizou un amplo dispositivo para conter o lume.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Xunta, da Garda Civil e da Policía Local de Marín, que avisaron á veciñanza e controlaron o acceso á zona para evitar riscos maiores.
No operativo participaron dúas motobombas e medios aéreos: catro hidroavións e dous helicópteros que recollían auga do mar para arroxala sobre o incendio.
O CEIP Sequelo e os seus arredores foron unha das zonas onde máis se fixo notar a proximidade das lapas. Veciñas e veciños achegábanse aos balcóns ou saían á rúa para seguir a evolución do lume con inquietude.
Finalmente, ás 18:15 h, o incendio foi sufocado sen que fose necesario desaloxar ningunha vivenda. Estímase que arderon entre catro e cinco hectáreas de monte. Non se rexistraron danos persoais nin materiais.