Un informe técnico recomenda o peche definitivo da mina de Touro-O Pino

As plataformas veciñais denuncian os riscos para a Ría de Arousa, os abastecementos de auga, o patrimonio e a Rede Natura 2000 e reclaman á Xunta que denegue a autorización ambiental do proxecto
foto-rolda-carril-exterior
22 Sep 2026

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), apoiadas pola Plataforma Ulloa Viva, reclamaron este martes en Carril o peche definitivo do proxecto mineiro de Cobre San Rafael tras coñecer o contido dun informe técnico da Consellería do Mar no que, segundo as organizacións, se advirte dos riscos para a Ría de Arousa e para o sector acuícola. As tres plataformas compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer as conclusións do documento.

Segundo explicaron, o informe recomenda o peche definitivo da explotación atendendo ao principio de precaución e sinala carencias nos estudos presentados pola empresa promotora. Entre elas, as plataformas destacan a ausencia dunha análise sobre a bioacumulación de metais pesados nos seres vivos e a falta de avaliación das posibles sinerxías contaminantes con outros proxectos industriais previstos na cunca do Ulla.

As entidades poñen o foco tamén no valor económico actual da Ría de Arousa. De acordo cos datos recollidos no informe, a economía vinculada ao mar xera de maneira sostible máis de 106 millóns de euros anuais e proporciona ingresos a miles de familias. As plataformas consideran que este valor socioeconómico é superior ao rendemento temporal que podería xerar o proxecto mineiro.

Durante a comparecencia, a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non advertiu de que a reapertura da explotación a ceo aberto podería poñer en risco o marisqueo e a acuicultura da ría, os abastecementos de auga potable, a Rede Natura 2000 e o Camiño de Santiago.

O informe técnico sinala que as augas residuais e as escorrentías procedentes da mina poderían acabar no río Ulla e, posteriormente, chegar á Ría de Arousa, considerada pola documentación como a principal área de produción acuícola de Galicia.

As plataformas salientaron que a ría concentra máis do 65 % das bateas galegas e xera máis de 106 millóns de euros directos cada ano. Neste contexto, consideran que suporía un risco para un sector produtivo consolidado someter os seus recursos aos posibles efectos dun proxecto extractivo cun período de explotación previsto de 17 anos.

Segundo explicaron, a Consellería do Mar advirte no informe de que os residuos tóxicos, lixiviados e metais pesados xerados durante a explotación poderían incorporarse á biota e aos sedimentos, con posibles efectos sobre especies comerciais como o mexillón, a ameixa e o berberecho.

Afeccións aos abastecementos e ao patrimonio

As plataformas tamén destacaron as posibles afeccións locais que, segundo o informe, podería provocar a explotación nos municipios de Touro e O Pino. Entre elas sitúan a perda ou afectación dos mananciais que abastecen núcleos rurais como Arinteiro, A Goleta, Torreis de Arriba ou a parroquia de Cebreiro.

O documento tamén recolle, segundo as entidades, posibles efectos das voaduras e da actividade mineira sobre a calidade do aire, debido á xeración de partículas finas que poderían afectar á vexetación, á fauna e aos solos.

En materia de patrimonio, as plataformas lembraron que os terreos vinculados ao proxecto se sitúan no trazado do Camiño Francés, declarado Ben de Interese Cultural e Patrimonio Mundial pola UNESCO, e que a actividade podería afectar xacementos arqueolóxicos e elementos de interese etnográfico.

Tamén alertaron das posibles afeccións sobre a Rede Natura 2000, ao situarse parte do ámbito do proxecto na Zona de Especial Conservación (ZEC) Sistema Fluvial Ulla-Deza e en áreas protexidas pola súa biodiversidade.

Outro dos aspectos sinalados polas plataformas é que, segundo o informe da Xunta, a promotora Cobre San Rafael empregou cálculos teóricos e non incluíu estudos específicos sobre a bioacumulación de metais pesados nos organismos vivos.

As organizacións tamén denuncian que non se analizaron as posibles sinerxías contaminantes nin o efecto acumulativo derivado da coincidencia do proxecto mineiro con outras iniciativas industriais previstas na cunca do Ulla, entre elas o proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

A Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino, a PDRA e a Plataforma Ulloa Viva reclamaron a cancelación definitiva do proxecto, actualmente en tramitación pola Xunta e pendente da Declaración de Impacto Ambiental. As entidades pediron que se aplique o principio de precaución e que se denegue definitivamente a autorización ambiental, así como o peche e restauración dos terreos.

As tres plataformas sosteñen que o informe da Consellería do Mar cuestiona a viabilidade ambiental do proxecto e consideran que o valor económico actual da Ría de Arousa debe ser tido en conta na decisión sobre a explotación mineira. As organizacións aseguraron que continuarán opoñéndose ao proxecto para evitar, segundo manifestaron, afeccións sobre a actividade económica vinculada ao mar e sobre os recursos naturais da contorna.

0.36856293678284