Un investigador do CICA participa nun informe para orientar as políticas de electrificación en España

O traballo de Alberto García Fernández, investigador do centro da Universidade da Coruña, aborda o papel dos concellos e das comunidades autónomas nunha transición enerxética que require planificación e coordinación
A CORUÑA udc alberto garcia cica
18 Nov 2026

A electrificación é un dos grandes retos da transformación enerxética, pero non abonda con substituír unhas fontes de enerxía por outras: tamén hai que preparar as redes, adaptar as cidades e facilitar que empresas e fogares poidan dar o paso. Con esta perspectiva, o investigador Alberto García Fernández, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, participou na elaboración dun informe que analiza como afrontar este proceso en España e que papel deben desempeñar as administracións máis próximas á cidadanía.

O documento, titulado 'Electrificación en España: coordinación multinivel y acción local anticipada', é o primeiro do Programa de Asesoramento Científico de RAICEX, a Rede de Asociacións de Investigadores e Científicos Españois no Exterior. O seu principal plantexamento é que a transición enerxética debe anticiparse aos problemas: os concellos e as comunidades autónomas necesitan información, ferramentas e capacidade de planificación para prever as súas necesidades e coordinar as actuacións co resto das administracións.

A participación de García Fernández produciuse a través de ACES, a Asociación de Científicos Españois en Suecia, durante a súa etapa posdoutoral nese país. A súa especialización en electrificación e enerxía solar fotovoltaica contribuíu a definir a súa achega ao traballo, elaborado xunto a Álvaro Martínez Pechero, da Universidade de Oxford; Ramón Daniel Regueiro Espiño, de Sorbonne Université e o CNRS; e Guillermo Borragán, de VITO/EnergyVille. Os autores repartiron os contidos segundo as súas áreas de coñecemento e revisaron conxuntamente as distintas partes, ademais de consultar persoal científico e representantes municipais.

Da investigación solar ás necesidades dos concellos

O informe conecta dúas dimensións que a miúdo se abordan por separado: o desenvolvemento de novas tecnoloxías enerxéticas e as condicións necesarias para implantarlas a grande escala. No CICA, a investigación de García Fernández céntrase actualmente en novos materiais híbridos que permitan mellorar a eficiencia e a estabilidade dos paneis solares. O documento, porén, pon o foco noutro momento do proceso: como despregar as solucións que xa están dispoñibles no mercado e que cambios fan falta para que poidan chegar aos territorios.

Esta perspectiva resulta especialmente relevante para as administracións locais, que deben afrontar cuestións como a electrificación da mobilidade, dos edificios e da actividade industrial, ademais de prever as necesidades de infraestruturas e coordinarse con outras institucións. O informe apunta que unha planificación anticipada pode axudar a evitar que a falta de previsión ou de coordinación free proxectos e oportunidades.

Aínda que o documento non analiza especificamente o caso galego, as súas recomendacións permiten trasladar o debate á comunidade. Galicia conta con recursos eólicos e hidráulicos e con capacidade industrial e tecnolóxica, pero tamén debe atender ás particularidades do seu territorio, como a dispersión da poboación e as necesidades das zonas rurais. O reforzo das redes eléctricas, o almacenamento de enerxía, a electrificación da industria e do transporte ou o impulso das comunidades enerxéticas figuran entre os ámbitos que poden formar parte dese proceso.

O informe presentarase os días 17 e 18 de decembro en Madrid, durante o encontro 'Somos RAICEX LAB'.

2.7478010654449