Un referente mundial inaugura en Santiago o II Congreso de Educación Inclusiva da Xunta

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá mañá, 23 de setembro, o II Congreso de Educación Inclusiva da Xunta de Galicia, un encontro que reunirá a arredor de 700 persoas, entre expertos internacionais e representantes de centros educativos, co obxectivo de fortalecer a convivencia escolar, promover a igualdade de oportunidades e potenciar o benestar emocional da comunidade educativa.
O congreso contará coa participación de referentes mundiais en inclusión e equidade, como Miel Ainscow, catedrático emérito da Universidade de Mánchester, quen pronunciará a conferencia inaugural sobre experiencias internacionais de mellora escolar.
Galicia sitúase como líder estatal neste eido, cun 93,3 % do alumnado con necesidades escolarizado en centros comúns, fronte ao 85,2 % de media en España. A celebración do congreso enmárcase na nova Estratexia galega de inclusión educativa EduInclúe 2030, que entra en vigor este curso e que constitúe a prioridade número un do Goberno galego en materia educativa.
O programa inclúe intervencións de expertas como Rosabel Rodríguez, doutora en Psicoloxía e Logopeda, que falará sobre alumnado con altas capacidades intelectuais; María Dolores Fernández, profesora da USC, que presentará un decálogo de competencias para a atención á diversidade; e Macarena Cortés, docente da Universidade Europea de Madrid, que achegará estratexias para a xestión da conduta na aula.
Amais, terá lugar unha mesa redonda de boas prácticas inclusivas con participación de centros galegos como o IES Perdouro de Burela, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, o Colexio Plurilingüe de Leirado (Salvaterra do Miño) e o Colexio Graxal de Cambre.
Xa pola tarde, José Ramón Gamo, especialista en TDAH, ofrecerá unha conferencia sobre a relación entre este trastorno e as emocións, mentres que Carlos García, psicólogo e profesor da Universidade Internacional da Rioxa, pechará a xornada coa ponencia inspiradora Superhéroes en EducACCIÓN.
En paralelo, 26 asociacións de atención á diversidade disporán de espazos informativos durante os descansos, e 57 representantes de 30 entidades sociais participarán activamente, favorecendo o intercambio de coñecementos e experiencias.