Un simulacro de accidente no túnel do Hórreo pon a proba a coordinación dos servizos de emerxencia

Os servizos de emerxencia e as forzas de seguridade participaron esta mañá nun simulacro de accidente no túnel do Hórreo, en Santiago de Compostela, co obxectivo de comprobar a coordinación entre os distintos organismos que intervirían ante unha situación real. A práctica recreou un choque por alcance entre dous vehículos, un deles incendiado, con catro persoas feridas de diversa consideración.
O exercicio foi organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Ministerio de Transportes e enmárcase no cumprimento do Real decreto 635/2006, do 26 de maio, que establece os requisitos mínimos de seguridade nos túneles das estradas do Estado e fixa a necesidade de realizar simulacros cunha periodicidade mínima de catro anos.
O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, destacou a importancia deste tipo de probas nunha infraestrutura especialmente sensible desde o punto de vista da seguridade. Segundo explicou, os simulacros deben ter en conta os escenarios máis graves que poden producirse nestes espazos, especialmente os incendios. Neste sentido, sinalou que a práctica permitiu comprobar o funcionamento dos extractores de fume instalados no túnel.
No operativo participaron os bombeiros, a Policía Local, a Policía Nacional, a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil, o 061 e Cruz Vermella. A intervención contou tamén coa colaboración de ADIF, Kapsch, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e o Ministerio de Fomento.
A realización deste exercicio permite avaliar os procedementos de actuación e a resposta coordinada dos equipos implicados ante unha posible emerxencia no túnel do Hórreo, co fin de reforzar a seguridade nesta infraestrutura.