Unha alumna de Ourense gaña o concurso de deseño da camiseta de Galiciencia 2026

A súa proposta, titulada “Picaches”, amosa varios peixes rodeados de anzois, unha metáfora dos riscos e perigos presentes na vida dixital, como as fake news, a información bancaria, as redes sociais e a protección dos datos persoais. Segundo o xurado de expertos encargado de avaliar as propostas, a obra destacou pola súa creatividade e pola conexión directa coa temática desta edición da feira, centrada na ciberseguridade.
Ao certame presentáronse 300 debuxos procedentes de 15 centros educativos de Primaria de toda Galicia. Como premio, Hannah recibirá camisetas para toda a súa clase, así como exemplares para os seus profesores e familiares. Ademais, tamén se distribuirán camisetas entre o persoal da organización de Galiciencia e entre o alumnado que participe coa súa proposta na feira.