Unha concentración en Cee protesta contra a visita do portavoz de Vox José María Figaredo

A visita do portavoz nacional de Economía, Enerxía e Desregulación de Vox, José María Figaredo, a Cee provocou este domingo unha nova mobilización de rexeitamento ao partido. Varias decenas de persoas concentráronse na localidade para expresar a súa oposición á presenza do dirixente, que percorreu distintos puntos da provincia da Coruña para participar en actos da formación.
En Cee, os manifestantes situáronse na praza do mercado municipal, onde Vox tiña instalada unha mesa informativa. A Garda Civil estableceu un dispositivo para manter separados os participantes na protesta e os integrantes do partido. Durante a concentración escoitáronse consignas contra Vox, mentres Figaredo respondeu cualificando os asistentes de «violentos», «totalitarios» e «covardes».
O responsable estatal de Economía da formación asegurou que o partido non renunciará a realizar actos públicos malia as protestas e defendeu o seu dereito a trasladar as súas propostas. Segundo manifestou, continuarán acudindo aos lugares onde sexan convocados e presentando as súas ideas.
A axenda de Figaredo comezou na cidade da Coruña, onde insistiu en que o último escano en disputa nas eleccións galegas podería decidirse entre Vox e o BNG. Tamén responsabilizou esta formación das mobilizacións rexistradas noutras visitas de dirixentes do partido, como Santiago Abascal e Jorge Buxadé. Na capital coruñesa foi recibido por arredor dunha vintena de simpatizantes e non se produciron concentracións de protesta.
A xornada incluíu tamén unha visita a Fisterra, onde Figaredo mantivo un encontro con representantes de diferentes colectivos do sector pesqueiro na confraría da localidade. Segundo Vox, na reunión participaron máis de 70 persoas.
Durante o encontro, o portavoz reivindicou o dereito dos profesionais do mar a desenvolver a súa actividade e poder saír pescar coas súas embarcacións. Así mesmo, criticou as dificultades administrativas e económicas ás que, ao seu xuízo, ten que facer fronte o sector.
Figaredo responsabilizou os sucesivos gobernos estatais das últimas catro décadas e as institucións europeas da situación actual, e cuestionou a acumulación de obrigas relacionadas coa fiscalidade, as cotas de autónomos, os seguros, as cotas pesqueiras e a implantación de parques eólicos. Como conclusión, reclamou que se permita traballar aos profesionais do mar sen tantas trabas.