Unha empresa galega constrúe o primeiro buque pesqueiro híbrido de España, abrindo o camiño cara á descarbonización da frota

O proxecto Ventura, promovido pola armadora Veraguas, presentouse na xornada “Buques do mañá: Enerxía limpa, tecnoloxía de vangarda e mulleres marcando o camiño”
proyecto Ventura
25 Mar 2025

A Representación Permanente de España ante a Unión Europea acolleu a xornada “Buques do mañá: Enerxía limpa, tecnoloxía de vangarda e mulleres marcando o camiño – Visión española da frota do século XXI”, na que a empresa galega Veraguas presentou o proxecto de construción do buque híbrido Ventura, que sitúa a Galicia na vangarda do proceso de descarbonización da frota pesqueira.

No acto estivo presente a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, quen trasladou a demanda do sector á Comisión Europea para facilitar fondos que permitan avanzar neste tipo de iniciativas, ao tratarse dun obxectivo estratéxico da Política Pesqueira Común.

Durante o encontro, analizáronse tamén os desafíos do sector, como o relevo xeracional, a conciliación, as condicións a bordo, a competencia desigual con frotas extracomunitarias, o aumento dos custos ou a caída dos prezos. Igualmente, reclamouse unha simplificación da normativa europea para facilitar a transformación do sector sen renunciar aos obxectivos ambientais.

Neste contexto, destacou o proxecto Ventura, promovido por Veraguas, armadora dirixida por mulleres, que está a construír o primeiro buque pesqueiro híbrido do Estado. Trátase dun palangreiro equipado co sistema Argos de monitorización, hélice propulsada con enerxía verde, paneis solares, baterías eléctricas e un sistema de palangre accionado electricamente. Ademais, mellora a habitabilidade e a eficiencia enerxética.

A directora xeral puxo en valor este proxecto como exemplo do liderado galego no eido mar-industria, un esforzo colectivo que require do apoio de recursos comunitarios para consolidar a pesca como eixo da soberanía alimentaria europea.

⚙ Configurar cookies
0.12485003471375