Sandra Feijóo Bandín gaña un premio polo seu estudo sobre as enfermidades valvulares cardíacas

Sandra Feijóo Bandín, investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Centro de Investigación Biomédica en Rede en Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV), resultou gañadora do VIII Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía dedicado ás enfermidades valvulares cardíacas. O fallo do Xurado, presidido polo Dr. José Ramón González Juanatey e coordinado pola Dra. Pilar Mazón, xefa do servizo de Cardioloxía do CHUS, confirmou este recoñecemento que inclúe unha dotación económica de 30.000 euros e galardón acreditativo. O premio será entregado proximamente en Santiago de Compostela polo empresario e mecenas Ramiro Carregal.
O proxecto premiado, “Influencia do sexo no eixo intestino-corazón na insuficiencia cardíaca: efecto sobre os metabolitos derivados da microbiota intestinal” estuda o comportamento diferencial entre homes e mulleres dos niveis de metabolitos da microbiota intestinal en insuficiencia cardíaca (IC), un problema que afecta ao 2 % da poboación adulta e alcanza un 10 % dos maiores de 70 anos. Este proxecto contribuirá a mellorar o coñecemento da enfermidade cardiovascular na muller e a impulsar unha atención máis personalizada, abordando as desigualdades derivadas da súa infrarrepresentación nos ensaios clínicos.
O proxecto parte da chamada “hipótese intestinal” da insuficiencia cardíaca. Nela, a redución do gasto cardíaco deteriora a barreira do intestino e permite que substancias prexudiciais producidas polas bacterias intestinais pasen ao sangue. Estes metabolitos poderían favorecer unha inflamación crónica de baixo grao e contribuír á progresión da enfermidade. Até agora sábese pouco sobre se o sexo modifica ese proceso.
O estudo desenvolverase en dúas liñas de traballo. A primeira analizará os metabolitos derivados da microbiota en pacientes con distintos tipos de insuficiencia cardíaca, garantindo unha representación equilibrada de homes e mulleres en cada grupo. A segunda investigará os mecanismos implicados no dano cardíaco mediante modelos experimentais de laboratorio que reproduzan características da enfermidade humana. Ambas as liñas permitirán afundar nas diferenzas entre sexos e identificar posibles novas dianas terapéuticas.
O proxecto validará os resultados preliminares do grupo con rexistros nacionais REDINSCORIII-CIBERCV no que se observa a asociación de niveis de metabolitos microbianos intestinais cos marcadores de dano e tensión cardíaca, así como o seu comportamento diferencial entre homes e mulleres con insuficiencia cardíaca. Estes resultados suxiren unha posible relación entre as alteracións dos metabolitos derivados da microbiota intestinal e o estado cardiovascular dos pacientes con IC.
Cara a unha medicina de precisión
“Preténdese identificar biomarcadores asociados á progresión da enfermidade e posibles dianas terapéuticas que impulsen o desenvolvemento de estratexias de medicina personalizada de precisión, mellorando o prognóstico e a calidade de vida dos pacientes mediante intervencións adaptadas ás súas características biolóxicas individuais”, explica Sandra Feijóo. A investigadora agradece a Ramiro Carregal a posta en marcha destes premios así como a súa continuidade “un exemplo de mecenado científico moi necesario para poder avanzar en investigación e en medicina”.
Un equipo multidisciplinar
Sandra Feijóo, doutora en Medicina Molecular, dirixe o traballo xunto a un equipo de cardioloxía, enfermaría e investigadores básicos do CHUS e do IDIS formado, entre outros, por Milagros Pedreira Pérez, Belén Álvarez Álvarez, Alana Aragón Herrera, Diego Rodríguez Penas, Óscar Otero García, Lucía Gómez Cibeira, María Cuñarro Gulías, Xocas Vázquez Abuín, María Moure González e Francisca Lago Paz.
Sandra Feijóo Bandín é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde obtivo o seu título en 2007, e doutora en Medicina Molecular pola mesma universidade desde 2014. Incorporouse en 2007 ao grupo de investigación de Cardioloxía Celular e Molecular do IDIS, onde continúa desenvolvendo a súa actividade como investigadora posdoutoral do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV).
A súa investigación céntrase no estudo dos mecanismos celulares e moleculares implicados na fisiopatoloxía das enfermidades cardiovasculares, con especial atención ao papel das hormonas endóxenas e alteracións metabólicas, así como na identificación de novos biomarcadores e dianas terapéuticas. O seu traballo combina modelos animais, cultivos celulares e mostras biolóxicas de pacientes, cun marcado enfoque translacional orientado a avanzar cara a unha medicina cardiovascular máis personalizada.
Ao longo da súa traxectoria participou en proxectos de investigación públicos e contratos de colaboración con empresas farmacéuticas, sendo actualmente investigadora principal de proxectos financiados pola Sociedade Española de Cardioloxía e dun proxecto de investigación preclínica en colaboración con Bayer AG.
Os Premios Ramiro Carregal
O presidente de Frinsa, Ramiro Carregal Rei, mantén o seu firme compromiso coa investigación ao convocar unha nova edición deste galardón creado no ano 2018, o que supón un paso máis na súa aposta polo mecenado na investigación sanitaria. Esta dedicación maniféstase tamén noutras destacadas contribucións impulsadas polo empresario galego neste campo, como é o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica e o Premio a Talentos Emerxentes, que xa alcanzan a 15.ª e 8.ª edición, respectivamente.