Unha senda peonil de 1,6 quilómetros unirá as praias de Peizás e a Pampillosa
Este luns, día 13 de decembro de 2021, saíu publicado no Boletín Oficial do Estado a información pública do proxecto Adaptación del proyecto de obtención de espacios para uso público y ejecución de senderopeatonal entre las playas de Peizás y A Pampillosa; T.M. Foz (Lugo).
O alcalde, Fran Cajoto, quere agradecer a boa disposición do Servizo de Costas e da Subdelegación do Goberno a avanzar no proxecto do paseo marítimo entre as praias de Peizás (Forxán, San Martiño) e Pampillosa (Fazouro), que conta con terreos expropiados e está pendente de execución. “Non nos podemos imaxinar un Foz sen paseo marítimo. É a nosa seña de identidade e un dos principais atractivos para que máis xente escolla a nosa vila como lugar de residencia. É un auténtico privilexio dispoñer destas zonas de esparexemento: desfrutar todos os días dun paseo a carón do mar. Pouco a pouco imos avanzando: este mesmo ano levouse a cabo a posta en valor da península da Tamaniña, que se constituíu nun miradoiro de referencia sobre o Cantábrico”.
O proxecto inclúe a execución dunha nova senda peonil de 1,6 quilómetros de lonxitude entre as praias de Peizás e a Pampillosa, dando continuidade ao paseo marítimo entre Fondás e a presa da Posada, no río Ouro: “máis de 15 quilómetros continuos de plataforma independente e segura a carón da nosa costa”, en palabras do alcalde. Cun orzamento de 1,09 millóns de euros o proxecto inclúe o paseo marítimo entre Peizás e Pampillosa e a ampliación da senda na parte central da Rapadoira. “Dar as grazas á Delegación e Subdelegación do Goberno e ao Servizo Provincial de Costas pola implicación neste proxecto pendente. Entre todas e todos continuamos a traballar para facer un Foz mellor”, rematou Fran Cajoto.