Unhas 1.884 persoas chegan á última fase das oposicións de Educación, que concluirán o 19 de xullo

Un total de 1.884 persoas veñen de superar a fase inicial do proceso de oposicións de educación convocadas pola Xunta de Galicia este ano. Isto representa o 16% das persoas presentadas, catro puntos porcentuais máis que o ano pasado nesta mesma fase do proceso. Finalmente, decidiron concorrer aos exames 11.531 aspirantes, isto é, case o 72% dos 16.036 inscritos.
Todas estas persoas, que optan a 1.601 prazas en 42 especialidades, pasan agora á segunda e ultima fase na que, en xeral, procederán a defensa da programación e á exposición da unidade didáctica (para mestres e profesores de Secundaria) ou dun tema (para os que cambian de especialidade). A recta final deste proceso selectivo concluirá o 19 de xullo, logo do intenso traballo que están a desenvolver os case 2.200 docentes que conforman os 154 tribunais. Son eles, profesores funcionarios que un día superaron este mesmo proceso, os encargados de realizar e avaliar as probas co fin de que as persoas que acaden praza se incorporen ao seu novo destino o vindeiro mes de setembro.
Cómpre subliñar que este proceso de oposicións no ensino da Comunidade permitirá seguir mellorando as ratios de alumno/profesor en Galicia e dar estabilidade ao cadro de persoal da educación pública galega nun contexto de diminución da matrícula.
No proceso de oposicións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP deste ano foron admitidas algo máis de 16.000 persoas para un total de 1.601 prazas de persoal funcionario. A maior parte, un total de 1.388 prazas (case o 87%), son de novo ingreso e as 213 restantes son de promoción interna, para que mestres que xa contan con praza se poidan incorporar ao corpo de profesores de ensino Secundario.
Por corpos, no de mestres hai 476 prazas en oito especialidades e no de profesores de ensino secundario, 852 en 29 especialidades. Ademais, hai 60 prazas en cinco especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional. As 213 prazas de promoción interna abranguen 29 especialidades.