Unhas cen persoas colaboran na retirada de 3000 quilos de flora exótica invasora nas beiras do Sar

Esta actividade estivo impulsada polo grupo naturalista Hábitat na que participaron alumnas e alumnos da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) para contribuír á mellora e á conservación do ecosistema fluvial
limpeza-rio-sar
11 Sep 2026

Un grupo de máis de cen persoas voluntarias participou na mañá deste venres nunha acción de retirada da especie exótica invasora Tradescantia fluminensis nas beiras do río Sar, nunha iniciativa do grupo naturalista Hábitat en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) de Afundación.

Conseguiron retirar 3000 quilos de desta especie exótica invasora que forma densos tapices de vexetación desprazando a flora autóctona e dificultando a rexeneración natural destes ecosistemas fluviais.

A zona de actuación situouse nas ribeiras do río Sar, no Parque Eugenio Granell, nunha área previamente identificada pola presenza da Tradescantia fluminensis, nas proximidades da rúa do Río Arriba. Unha vez retirada a flora, o departamento de Parques e Xardíns ocupouse da correcta xestión dos restos vexetais xerados durante a xornada, para a súa compostaxe.

A finalidade desta actuación é contribuír ao control dunha especia invasora e á recuperación dos hábitats asociados ao río Sar, así coma o desenvolvemento dunha actividade de sensibilización e participación ambiental coa comunidade universitaria.

A acción de retirada comezou sobre as 10.00 horas e prolongouse durante toda a mañá. Durante o desenvolvemento destas tarefas, minimizouse o impacto a espazos e especies nativas, respectando a normativa e camiños existentes. A actividade enmárcase en PLANCTON, o plan de conservación territorial impulsado por Afundación.

A evidencia científica constata que a introdución e presenza de Tradescantia fluminensis representa unha problemática como especie exótica invasora para o medio natural e supón unha afección directa sobre biodiversidade, causante do declive da poboación e das especies de flora e fauna autóctonas ou da contaminación das augas e dos solos, entre outros problemas ambientais na contorna.

Esta especie exótica invasora é especialmente problemática en zonas húmidas e de ribeira, xa que forma densos tapices de vexetación que cobren o solo, reducen a cantidade de luz que chega a el e dificultan a xerminación e o crecemento das especies autóctonas.

0.41552400588989