Universidade e Concello de Pontevedra alían esforzos para a integración urbana e a expansión do campus

A Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra mantiveron na mañá deste martes a primeira reunión do grupo de traballo constituído para abordar a integración definitiva do campus pontevedrés na trama urbana da cidade. O encontro estivo encabezado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, e os seus respectivos equipos técnicos.
A integración do campus, os seus accesos, a mobilidade, o mantemento ou os novos espazos universitarios foron asuntos que se puxeron sobre a mesa neste encontro que estivo presidido polo bo ambiente e o afán de traballo por ambas as dúas partes.
Avanzar cara un campus "máis conectado" coa cidade
A reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, destacou que “a constitución deste grupo de traballo supón dar un paso máis nun diálogo que a Universidade e o Concello de Pontevedra xa viñamos mantendo nas últimas semanas”. García Mateo valorou “moi positivamente a disposición de ambas institucións para traballar conxuntamente e cunha mirada de medio e longo prazo sobre o Campus de Pontevedra e a súa relación coa cidade”.
A reitora subliñou que “temos a oportunidade de seguir avanzando cara a un campus cada vez máis integrado en Pontevedra, máis conectado coa cidade e aberto á ciudadanía, incidindo en aspectos fundamentais vinculados á humanización, á mobilidade e á sostibilidade. Neste sentido, incidiu en que o novo grupo de traballo permitirá “compartir necesidades, estudar posibilidades e planificar de maneira coordinada o futuro dun campus que ten unha identidade propia e un enorme potencial de crecemento”.
Pendente de sinalar novos encontros, a reunión rematou co compromiso da elaboración dun documento de traballo no que se recollan os obxectivos comúns a medio e longo prazo de ambas as dúas institucións.