Uxía Folgueira conquista o ouro na Youth League de Poreč en categoría cadete de kata

A deportista Uxía Folgueira González, da Escola Deportiva Shihan, conseguiu a medalla de ouro na Youth League celebrada en Poreč, en Croacia, dentro da modalidade de kata na categoría cadete, tras superar unha competición marcada por enfrontamentos de gran esixencia que a levaron ao máis alto do podio mundial.
Este novo éxito súmase a unha traxectoria recente cargada de destacados resultados deportivos. Uxía xa lograra anteriormente a medalla de ouro nas categorías inferiores da Youth League, ademais dunha medalla de bronce individual no Campionato do Mediterráneo e o ouro por equipos. Xunto ás súas compañeiras da selección española tamén ostenta actualmente o subcampionato de Europa.
Os seus adestradores, Adrián Yáñez e Lara Abelleira, destacaron o compromiso e a dedicación da karateca, subliñando que combina disciplina, adestramentos e estudos cunha gran capacidade de esforzo. Segundo explican, a deportista ten definidos con claridade os seus obxectivos tanto no ámbito deportivo como académico, acadando excelentes resultados en ambos os dous campos.
Tamén resaltaron o papel que desempeña dentro do club, onde se converteu nun referente para os máis pequenos, que a ven como un exemplo a seguir. Ademais, puxeron en valor o apoio constante da súa familia, especialmente dos seus pais, Ángel Folgueira e Nair González, aos que consideran unha peza fundamental no camiño cara aos éxitos acadados.
Co remate desta competición conclúe tamén a primeira parte da tempada para a deportista, que agora afrontará un período de descanso antes de retomar a preparación para os próximos retos deportivos.