Vigo adopta medidas preventivas ante unha posible alerta por seca

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres un paquete de medidas preventivas ante unha posible alerta por seca, co obxectivo de optimizar os recursos hídricos e concienciar á veciñanza sobre un uso responsable da auga.
A baixa pluviosidade dos últimos días provocou unha diminución das reservas nos encoros de Eiras e Zamáns, aínda que Caballero aclarou que “non hai un risco de desabastecemento neste intre”. O encoro de Eiras, principal fonte de abastecemento da cidade e a súa área, atópase ao 79,05 % da súa capacidade (fronte ao 90,04 % do pasado ano), mentres que Zamáns está ao 78,31 % (83,55 % en 2024).
O rexedor lembrou que en 2024 o Concello redactou un novo Plan de emerxencia e xestión do risco de seca, adaptado ao cambio climático e á nova normativa, pero aínda pendente de aprobación pola Xunta. Segundo este plan, Eiras estaría en prealerta e Zamáns en situación de normalidade, pero ante a importancia de Eiras para o sistema, aplicaríanse medidas propias do estado de prealerta.
As restricións afectan a usos non prioritarios e inclúen: prohibición de baldeos, redución de regos, peche de fontes ornamentais sen circuíto pechado, peche de duchas de praia, prohibición de lavado de coches fóra de establecementos autorizados e prohibición de enchido de piscinas.
As medidas tamén se estenden aos concellos abastecidos polos encoros de Vigo: Soutomaior, Redondela, Porriño, Mos, Cangas, Moaña, Gondomar e Nigrán, que representan arredor do 40 % da demanda total do sistema.