Vigo bate récord histórico de ocupación hostaleira en xullo cun 85,85 % e marca mínimo de paro

Vigo rexistrou en xullo o mellor dato de ocupación hostaleira da súa historia, cun 85,85 % das prazas cubertas, segundo destacou este martes o alcalde Abel Caballero. Esta cifra supón 12,73 puntos máis que no mesmo mes de 2024 e mellora en 3,81 puntos a marca de 2019, que ata agora era a mellor dos últimos oito anos.
A estancia media dos turistas na cidade foi de 2,23 días. O 54 % dos visitantes chegaron desde outras comunidades autónomas españolas, o 6 % desde Galicia e o 54 % restante de orixe internacional, principalmente de Portugal, Estados Unidos, Italia, Alemaña, Francia e Reino Unido. “Vigo é unha potencia turística en España, e iso é o mesmo que dicir no mundo”, sinalou Caballero.
Ademais, o rexedor subliñou que Vigo alcanzou en xullo o mínimo histórico de paro, cun descenso do 8,5 %. “A economía da cidade vive un momento extraordinario e o boom turístico está contribuíndo de forma decisiva, mantendo unha boa convivencia entre veciñanza e visitantes”, afirmou. O alcalde expresou a súa vontade de seguir potenciando esta dinámica para lograr “unha economía aínda máis potente no futuro”.