Vigo lanza "Vega", unha App con intelixencia artificial "aliada" contra a violencia de xénero

“Vega”, a aplicación móbil contra a violencia de xénero, creada por un axente da Policía Local e outro da Policía Nacional, foi presentada este mércores polo alcalde, o delegado da Zona Franca e a primeira tenente de alcaldía. A nova App, que aplica a intelixencia artificial, significa “un avance prodixioso” contra as situacións de perigo e para favorecer a seguridade das mulleres, segundo asegurou Abel Caballero.
Durante a presentación, Abel Caballero destacou a importancia da creación dun “instrumento” que, ademais de facilitar a vida e a seguridade das mulleres, “sempre” terá un efecto disuasorio sobre os agresores, ante a posibilidade de que a aplicación estea activada. Vega permite emitir unha chamada de socorro ás forzas de seguridade e xeolocalizar ás vítimas en tempo real.
O alcalde expresou a súa confianza en que a implantación da App será rápida, converténdose nun “aliado” das mulleres. Creada con apoio de investidores tecnolóxicos, esta innovación está deseñada para detectar e delatar situacións de violencia machista.
A primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, subliñou que nos seis primeiros meses de 2025 un total de 16 mulleres foron asasinadas por violencia de xénero, polo que este tipo de ferramentas deben ser unha prioridade social. A App representa “unha porta aberta á esperanza” e un paso adiante no uso das novas tecnoloxías para a prevención e resposta inmediata ante situacións de risco.
“As mulleres temos dereito a sentirnos máis seguras”, concluíu Silva, defendendo o investimento público en ferramentas que garantan a seguridade das mulleres e eviten as situacións de perigo.