Vigo lidera en España con 14 Sendeiros Azuis municipais, nove máis que en 2025

A cidade convértese na que máis distincións ambientais acumula en Sendeiros Azuis tras a aprobación de nove novos itinerarios por parte de ADEAC.
Vigo
23 Feb 2026

Vigo é a cidade española co maior número de Sendeiros Azuis municipais tras pasar de cinco distincións en 2025 a un total de 14 en 2026, segundo anunciou a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a concesión dos nove novos itinerarios propostos polo Concello, que se suman aos xa recoñecidos. “Déronnos os 9 sendeiros azuis propostos este ano e, por tanto, teremos 14 rutas con bandeira azul”, sinalou.

A listaxe inicial estaba integrada polos sendeiros Camiño a Beiramar, Senda de ribeira do Río Lagares, Senda entre Faros, Senda litoral do Monte da Guía e Vía Verde de Vigo. Agora incorpóranse nove novos percorridos situados nas parroquias de Candeán, Cabral, Bembrive-Beade, Coruxo, Matamá-Comesaña, Oia, Saiáns, Valladares e Zamáns.

Con estas distincións, Vigo consolídase como referente estatal en itinerarios ambientais recoñecidos pola entidade que tamén concede as Bandeiras Azuis ás praias.

Ademais, o rexedor avanzou que o Concello solicitou 12 galardóns de Bandeira Azul para outros tantos areais: Teis, A Punta, O Adro, Santa Baia (Alcabre), Carril, Tombo do Gato (A Fonte), Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas.

0.26656603813171