Vigo recibe o apoio do Goberno de España para optar a ser sede do Mundial 2030

Abel Caballero asegura que a ministra de Deportes considera que Vigo reúne os requisitos para ser sede e reclama que se respecte a orde fixada pola Federación.
Mundial 2030
3 Mar 2026

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, mantiveron unha xuntanza coa ministra de Deportes, Milagros Tolón, para trasladarlle a situación da cidade no proceso de selección das sedes do Mundial 2030.

Ao remate do encontro, Caballero destacou a “moi boa receptividade” da ministra e do seu equipo, que consideran que Vigo reúne os méritos e requisitos necesarios para ser sede do campionato.

O rexedor reclamou que o Goberno de España garanta o respecto á orde da listaxe elaborada pola Real Federación Española de Fútbol, lembrando que España ten concedidas 11 sedes para o Mundial 2030 mentres que a proposta actual contempla só 10.

Caballero explicou que Vigo formaba parte inicialmente do grupo de cidades que cumprían as condicións segundo a valoración da Federación, pero foi excluída posteriormente nunha decisión que cualificou de “escándalo imposible de xustificar”. Segundo sinalou, tras a renuncia de Málaga, Vigo debía ocupar o seguinte posto na listaxe.

O alcalde tamén indicou que a exclusión foi utilizada pola Xunta e pola Deputación para xustificar a súa negativa a financiar parte das obras de reforma da grada de Tribuna do estadio municipal de Balaídos. Con todo, asegurou que o Concello asumirá as actuacións necesarias para cumprir cos requisitos esixidos.

A reunión produciuse antes do encontro previsto esta semana encabezado pola ministra de Deportes coa participación da Federación e da FIFA, no que se abordará o proceso de designación das sedes.

0.44953012466431