Vigo recibirá 6 millóns do PERTE para dixitalizar o Ciclo da Auga

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico concedeu ao Concello de Vigo 5.996.314,35 euros de Fondos Europeos Next Generation EU na terceira convocatoria do PERTE para a dixitalización do ciclo da auga.
O proxecto municipal, cun orzamento total de 7,3 millóns de euros, solicitou unha subvención de 6 millóns, achegando Aqualia os 1,3 millóns restantes. A proposta “contempla integrar a monitorización, vixilancia e control en tempo real” e permitirá crear un centro intelixente para a xestión do ciclo da auga na cidade, centralizando toda a operativa e obtendo datos que alerten de posibles incidencias na rede de abastecemento.
O alcalde, Abel Caballero, subliñou que se trata dunha actuación integral, que abrangue desde a captación e potabilización, ata a distribución, a rede de sumidoiros e a depuración. A implantación deste sistema mellorará a eficiencia e rendemento do ciclo da auga, ademais de reforzar o compromiso co medio ambiente.