Vigo seguirá reclamando ser sede dos exames MIR tras quedar excluída sen resposta da Xunta

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este mércores que a cidade continuará reclamando a recuperación da súa condición de sede dos exames MIR, PIR, EIR, FIR, QUIR, BIR e RFIR, tras ser excluída na última actualización do Ministerio de Sanidade.
Segundo explicou, a decisión foi tomada nunha reunión o pasado 17 de xullo entre o Ministerio e as comunidades autónomas, pero a Xunta non defendeu a Vigo, ao contrario do que fixo a conselleira de Sanidade de Extremadura, que logrou reincorporar Cáceres. “O conselleiro Gómez Caamaño quedou calado porque está encantado con que sexan todos en Santiago”, afirmou Caballero.
O alcalde recordou que enviou misivas o 24 de xullo, o mesmo día en que se coñeceu a decisión pola prensa, para reclamar a restitución da sede en Vigo. Tamén anunciou que presentará mocións no Congreso, Senado, Deputación de Pontevedra e Pleno do Concello de Vigo, e reiterou a súa intención de continuar reclamando a creación da Facultade de Medicina para a Universidade de Vigo.