VigoCultura estrea 2026 cunha programación de 27 novos espectáculos

A programación municipal VigoCultura estrea 2026 cun total de 27 novos espectáculos que se poderán ver entre finais de xaneiro e o verán en diferentes espazos da cidade, como a Porta do Sol, a rúa do Príncipe e o Auditorio Municipal.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este venres a nova tempada cultural xunto á primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, e os responsables dos museos MARCO, Liste e Laxeiro. Caballero definiu VigoCultura como “a repetición dun éxito comprobado”, destacando a elevada demanda cultural existente na cidade.
A programación arrincará a fin de semana do 30 e 31 de xaneiro con dous espectáculos de rúa: Carman e O Mundo do Circo, ambos ás sete da tarde na Porta do Sol, ante o MARCO, con percorrido posterior pola rúa do Príncipe.
A partir do domingo 1 de febreiro, o Auditorio Municipal acollerá 25 representacións dirixidas a público adulto, infantil e familiar. A tempada abrirase coa obra Os jugoslavos, cun elenco encabezado por Javier Gutiérrez, e incluirá montaxes de teatro clásico e contemporáneo, comedia, monólogos e maxia.
Entre as propostas destacadas figura Rei Lear, de Shakespeare, interpretada pola Companhia do Chapitó de Portugal, así como dúas estreas: Brazaletes e Señores. O programa tamén incorpora espectáculos vencellados a datas sinaladas como o Día Internacional da Muller, os días 8 e 14 de marzo; o Día Mundial do Circo, os días 18 e 19 de abril; e o Día Internacional da Danza, os días 24, 25 e 26 de abril.
Caballero salientou igualmente a actuación de Rosa Cedrón dentro da súa xira 30 anos de música galega e reivindicou o papel de Vigo como “fábrica de cultura”, subliñando que practicamente todas as funcións de VigoCultura rexistran cheo.
A venda de entradas e abonos comezará o 19 de xaneiro ás 10.00 horas a través da páxina web giglon.com e de forma presencial na Papelería Folder Progreso, na rúa do Progreso, número 22.