Villaverde destaca a Festa do Percebe de O Roncudo como modelo de posta en valor dos produtos do mar galegos

A conselleira do Mar participou na presentación da XXXIII edición desta cita gastronómica, declarada Festa de Interese Turístico Galego
Festa Percebe
10 Jul 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este martes na presentación da XXXIII edición da Festa do Percebe de O Roncudo de Corme, que se celebrará o sábado 19 de xullo no municipio coruñés de Ponteceso. Acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, Villaverde puxo en valor esta cita gastronómica, que se desenvolve de xeito ininterrompido desde 1992 e que está recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego.

A conselleira destacou o sabor e a calidade excepcionais do percebe como un dos mariscos máis recoñecidos tanto dentro como fóra de Galicia, e que representa un dos principais expoñentes da marca Galicia Calidade. Ademais, subliñou que esta festa foi a primeira dedicada especificamente a este produto, servindo tamén como homenaxe ás mariscadoras e mariscadores que traballan en condicións extremas para garantir un produto de máxima calidade.

Segundo lembrou Villaverde, a extracción deste recurso faise de forma sustentable, limitada á campaña de Nadal e á celebración da festa, o que permite a recuperación da especie. En 2024 comercializáronse máis de 230 toneladas de percebe nas lonxas galegas, cunha facturación próxima aos 9 millóns de euros, unha cifra que reflicte o seu valor económico e gastronómico.

Un atractivo turístico de primeiro nivel
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o papel da gastronomía como factor de atracción turística en Galicia. Sinalou que os produtos do mar, como o percebe, contribúen ao incremento sostido de visitantes, como demostran os datos do pasado ano na Costa da Morte, cun aumento do 6% nos viaxeiros e máis de 340.000 pernoctacións rexistradas, unha cifra récord.

Merelles salientou que o turista gastronómico gasta un 30% máis que a media, e subliñou que Galicia conta con máis de 140 festas de interese turístico, das cales 9 son nacionais e 15 internacionais, moitas delas centradas na posta en valor da cultura culinaria galega.

⚙ Configurar cookies
0.21949195861816