Xabier Díaz e Mondra porán música á gala dos XXIV Premios Mestre Mateo en Lugo

O Auditorio Fuxan os Ventos acollerá o 21 de marzo unha noite que combinará tradición e vangarda no audiovisual galego
Xabier-Díaz
18 Feb 2026

O músico e investigador da tradición oral galega Xabier Díaz será o encargado de poñer banda sonora á gala dos Premios Mestre Mateo, na que se darán a coñecer as gañadoras e gañadores da súa vixésimo cuarta edición.

A música volverá ocupar un lugar central nunha cerimonia que reunirá o máis destacado do sector audiovisual galego e que estará conducida por Trisha Fernández e Federico Pérez, baixo a dirección de Marta Arévalo e cun guión asinado por Óscar Cruz.

Acompañado das Adufeiras, Xabier Díaz levará ao escenario unha proposta que revisita o cancioneiro popular galego desde unha perspectiva contemporánea, situando a pandeireta e o canto como elementos vertebradores dun espectáculo que dialoga entre memoria e presente. Con máis de dez anos á fronte das Adufeiras de Salitre, o artista consolidouse como unha das voces imprescindibles da música de raíz en Galicia. Ao longo da súa traxectoria formou parte de Berrogüetto e integrou o proxecto aCadaCanto, construíndo un percorrido recoñecido tanto pola crítica como polo público dentro e fóra do país.

A gala contará tamén coa participación especial de Mondra, unha das figuras máis singulares da nova escena galega. Cantareiro, bailador e creador cunha forte personalidade artística, acadou ampla repercusión co seu primeiro traballo, ARDĒN, publicado en 2023, e reafirmou a súa proposta con DE RONDA, en 2025, onde combina tradición, electrónica e unha potente posta en escena. O pasado ano foi recoñecido cun Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por MARIMONDRA.

A unión de Xabier Díaz e Mondra converterá a cerimonia nun espazo de encontro entre xeracións e sensibilidades distintas, entre a raíz e a vangarda, nunha proposta musical que aspira a sorprender e emocionar ao público asistente. A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo celebrarase o 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos, nunha nova edición que renderá homenaxe ao talento do audiovisual galego e que volverá reivindicar a cultura propia nunha noite de celebración colectiva.

⚙ Configurar cookies
0.33430099487305