Xosé Carlos Valcárcel deixa o PSdeG e carga contra Besteiro

O alcalde de Barbadás pasa aos non adscritos e descarta entregar a súa acta
xose-carlos-valcarcel
17 Dec 2025

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, anunciou a súa saída do PSdeG tras a denuncia por presunto acoso laboral presentada en contra súa e confirmou que non entregará a súa acta. Deste xeito, continuará á fronte do Concello como edil non adscrito e manterá tamén as súas responsabilidades institucionais.

Valcárcel realizou estas declaracións este martes diante dos medios, ás portas da sede provincial socialista en Ourense, onde informou que xa solicitou formalmente a baixa como militante do partido. Na súa comparecencia, o edil defendeuse das acusacións que apuntarían a un presunto acoso laboral cara unha militante asegurando que son “falsas” e defendendo que non mantén unha relación laboral directa coa denunciante. Valcárcel tería coñecido a denuncia o luns pola noite a través do secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila, pero os feitos non se concretarían ata a tarde de onte, martes, cando a denuncia se filtrou aos medios.

As reaccións no partido non se fixeron agardar. Horas despois de coñecerse os feitos, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, comparecía en rolda de prensa para pedir a dimisión inmediata de Valcárcel. Segundo o alcalde de Barbadás, as declaracións do líder socialista veñen motivadas polo feito de que se trata dun dos moitos dirixentes socialistas que asinaron un manifesto que reclama unha actuación máis contundente do partido tras as denuncias contra o expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Valcárcel reproba a Besteiro que non actuase coa mesma rapidez no caso de Tomé e esixe coherencia na xestión interna do partido, pedindo directamente a dimisión do Secretario xeral.

Valcárcel insistiu en que non abandonará ningún dos seus cargos, nin como alcalde, nin como concelleiro, nin como deputado provincial, deixando no aire a situación na que queda agora no goberno municipal, que dirixe en coalición con Democracia Ourensana.

Pola súa parte, desde a Executiva provincial evitaron, por agora, facer declaracións ao respecto, máis alá dun comunicado asinado polo propio secretario provincial, Álvaro Vila, no que aseguraron que a organización actuará “con toda a celeridade e o rigor que require unha situación desta natureza, seguindo escrupulosamente os procedementos e protocolos establecidos polo PSdeG-PSOE”.

Tras unha reunión mantida na tarde deste martes e a porta pechada, a decisión do partido respecto ao edil darase a coñecer este mediodía, cando está prevista unha rolda de prensa na sede do partido na cidade de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.28831601142883