Xose María Arias, alcalde de Castroverde: “O noso principal obxectivo é elaborar un proxecto para poñer en valor o castelo”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Eu levo en política desde os 16 anos e sempre fun unha persoa de esquerdas e vinculada á loita do campo. Non me gusta como está o rural en Galicia nin como se xestionou por parte do Goberno autonómico. Non hai industrias en Galicia e Galicia é un asilo, xa que o 35 % da poboación ten máis de 70 anos. O país está desgastado por culpa dos gobernos do PP durante tantos anos, que só fan políticas para manterse no poder, pero non para crear un país rico e próspero. Quizais sexa demasiado tarde; o país esmorece e os alcaldes locais pouco poden facer se non existe unha política xeral desde a autonomía que dirixa un pouco o sector agrario e o sector forestal, porque o campo morre.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
Desde o ano 1987 estou na política local e no ano 1997 conseguín ser alcalde. Traballamos con ilusión e eu teño que estar moi agradecido á xente, que é a que valora o traballo que fas e do que te sentes orgulloso. Fixéronse cousas moi importantes que a xente agradece.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Estar en política non é obrigatorio; cada un pode marchar cando queira ou os veciños poden mandarte para a casa. Todo na vida ten sacrificios.
E beneficios?
Estar dirixindo o teu concello, do que te sentes orgulloso, e contar co apoio dos veciños cando fas cousas, así como recibir críticas cando non lles gustan, forma parte do cargo. Hai que discutir, dialogar e non pido que me aplaudan, pero hai que afrontar e aceptar as críticas.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Eu teño unha gandaría pequena e compatibilizo iso con isto, e vouno levando. A min coñéceme todo o mundo, eu vivo aquí e estou cos veciños. O meu teléfono soa a todas horas.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Non son con grandes aspiracións políticas, o partido agora mesmo a nivel Galicia e provincia non me gusta, pero a miña aspiración política é ser o alcalde de Castroverde nas próximas eleccións, seguir aquí e traballando polo meu concello.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Seguir traballando no medio rural, no campo e na vila, con moitas actuacións e melloras, como arranxar as estradas, mellorar os servizos públicos e continuar con todo o que estamos facendo. Pero un dos grandes obxectivos é, agora que compramos o castelo, que por fin é noso; imos poñer en marcha un proxecto e iniciar un proxecto arqueolóxico. Iso non quere dicir que vaiamos arranxalo todo mañá, hai que ser sinceros. Hai que empezar polas bases, cun proxecto arqueolóxico que pode incluír escavacións, segundo o que digan os técnicos e os arqueólogos, sempre coa autorización de Patrimonio e sempre con coherencia. Pero creo que é o noso símbolo en pleno Camiño de Santiago e tamén forma parte do noso patrimonio. Agora somos propietarios, os veciños de Castroverde, dese castelo e imos traballar nel. Ese é un dos obxectivos marcados. Tamén queremos seguir incrementando a implantación de empresas no polígono industrial e continuar facendo todo o que se poida por Castroverde.
Cales son as principais liñas do seu programa?
A principal era a de conseguir que o castelo fora dos veciños de Castroverde, conseguimos que o último propietario firmase hai 4 meses e xa está o obxectivo cumprido. De aquí para diante haberá que darlle forma a isto.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Eu creo que un dos obxectivos deste concello, que é un concello agrícola e gandeiro moi importante, é solucionar unha situación que é triste: ver que os veciños teñen que alugar terras a 20 quilómetros e que non hai unha ordenación do territorio. Aquí necesitamos plantar eucalipto, pero tamén precisamos terras agrarias. E iso é un problema. Pero é un problema en Galicia e tamén é un problema aquí. Porque o minifundio non o permite, e moita xente acaba abandonando. Eles teñen o seu dereito a plantar eucalipto, pero xa hai propostas que non son capaces de resolver esta situación. Iso ten que saír da Xunta de Galicia. Hai que facer concentracións parcelarias que non se fixeron. Leva 20 anos facer unha concentración parcelaria. Iso sería bo para o sector forestal e tamén para o sector agrario, para non ter mesturado o monte coa leira. Incluso sería positivo para a prevención dos incendios forestais; serve para todo. A xente ten que explotar o monte e a xente ten que vivir do agro, que é moi importante. No sector gandeiro hai moitas explotacións de carne e de leite que se sustentan mal por mor do minifundio existente.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
De todos en xeral. A xente ve ben o que facemos, non fai falta sacar fotos nin poñer carteis. A xente dos pobos das 36 parroquias ve que intentamos actuar en todas elas con criterios sempre obxectivos de mellora das pistas, dos camiños, dos barrios, dos núcleos e de todo en xeral. Sentímonos orgullosos de ver que a xente necesita algo e que podes actuar e facelo. Para min, todas as obras son importantes. O importante é que os veciños as valoren e as vexan. Podemos facer cousas mal, non todas van estar ben feitas nin van gustar a todo o mundo, pero o que facemos a xente veo ben.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Eu creo que ven que son unha persoa próxima. Eu mesmo atópome con eles no bar, na rúa, no camiño, no concello ou na estrada. Creo que esa proximidade os veciños sempre a atoparon en min. Eles son os que valoran cada certo tempo o que queren. Cada catro anos hai unhas eleccións e son os veciños os que valoran a proximidade, as obras, as actuacións e todo aquilo que consideren importante. Hai que ser valentes; os veciños exprésanse nas urnas. Tamén se expresan na rúa, exprésanse contigo no bar e despois exprésanse nas urnas. Cada un ten que ser consecuente co que veña.
Como é a súa relación coa oposición?
A miña relación coa oposición é boa. Temos as nosas discrepancias e as nosas discusións nos plenos. En xeral, ben.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
59, casado, 1 fillo
-Profesión e formación
Gandeiro
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
Político
-Que quería ser de maior
Grande
-Que fai para desconectar?
Ir de caza
-Unha virtude e un defecto
Ser directo e preguiceiro
-Un consello para compartir
Que utilicen as redes sociais para facer o ben, porque son moi útiles, pero fan moito dano
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
‘Polos fillos dos fillos’, de Manuel Sarille; ‘El bueno, el feo y el malo’; e Freddy Mercury
-Unha afección
A caza
-Un lugar que visitar
Castroverde
-Unha comida e unha bebida
Un churrasco e un cubata
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
Os meus pais
-Unha posesión preciada
O meu coche
-Un desexo
Xa que o mundo está volvendo 50 anos atrás, hai que repensar moitas cousas e ler Historia
-Algo para esquecer
A Guerra Civil
-Que é o que máis valora nunha persoa?
Que sexa directa e honesta
-Un desafío pendente
Recuperar o Castelo para todos os veciños
-Onde se ve en cinco anos?
Espero que en Castroverde con saúde