Xosé Miranda gaña o XXIII Premio de Poesía Afundación, co que colabora a Xunta

Xosé Miranda gaña co poemario As torres abolidas o XXIII Premio de Poesía Afundación, un certame que recoñece a creación poética en galego e está dotado con 7.000 euros.
Premio poesia Afundacion
3 Oct 2025

O escritor e profesor Xosé Miranda, coa obra As torres abolidas, alzouse esta tarde co XXIII Premio de Poesía Afundación, promovido por esta institución, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. No fallo do certame estivo presente o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen destacou a relevancia deste galardón na nosa axenda cultural para fomentar a creación poética en galego.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou ao gañador por pasar a formar parte “dun grupo formado por importantes nomes da poesía galega contemporánea como Miguel Rodríguez Monteavaro, gañador da pasada edición; ou Yolanda Castaño, recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023”. Neste sentido, subliñou o bo momento do sector cultural galego, que nos últimos anos acadou recoñecementos a nivel estatal, e desexoulle ao premiado “moitos éxitos na súa vida literaria”.

Xosé Miranda (Lugo, 1955) é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor xubilado desta materia. Conta con libros publicados no eido da poesía, da literatura infantil e xuvenil, da narrativa e mesmo con participacións en obras colectivas. Ao longo da súa carreira foi distinguido con galardóns como o Premio Xerais (1998) ou o Premio Merlín (2002). Con anterioridade xa recibira o Premio García Barros (1990) ou o Modesto R. Figueirido (1988). Historia dun paraugas azul, Pel de lobo, Morning Star, Na terra sombría ou Carozo Azul son algunhas das súas obras máis recoñecidas.

Dende 2002

O Premio de Poesía Afundación comezou o seu percorrido no ano 2002. Neste tempo resultaron gañadores poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas, Rafa Vilar e Miguel Rodríguez. O galardón implica a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 7.000 euros.

⚙ Configurar cookies
0.37597894668579