Xunta e Consello da Cultura lanzan un novo proxecto dixital educativo

Vai dirixido a alumnos e docentes dos centros educativos de Galicia, reforzando a presenza da lingua e cultura galegas no ensino
firma-convenio-consello-da-cultura
29 Jul 2026

A Xunta e o Consello da Cultura Galega van impulsar o coñecemento da xeografía, a paisaxe, a literatura e o patrimonio de Galicia a través dun proxecto dixital educativo. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade, Dolores Vilavedra, asinaron hoxe un convenio de colaboración para desenvolver esta iniciativa, que vai dirixida a alumnos e docentes dos centros educativos da Comunidade, aínda que poderá estenderse a outros públicos vinculados interesados nestes ámbitos.

O proxecto, que se prevé poñer en marcha o próximo curso, contribuirá a reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ensino, ao tempo que se promove a divulgación da riqueza cultural e patrimonial de Galicia. Así mesmo, permitirá explorar novos formatos de recursos dixitais baseados na aprendizaxe mediante o xogo, na observación e na interpretación da paisaxe.

A iniciativa consiste nun recurso web interactivo no que as persoas usuarias poderán identificar diferentes espazos de Galicia a través da obra de Ramón Otero Pedrayo e das súas descricións da paisaxe galega, así como mediante diferentes referencias culturais. Trátase dunha acción que se enmarca no Ano Oteriano. A medida que se vaia desenvolvendo o proxecto, poderanse abrir tamén novas posibilidades para incorporar outros autores, autoras ou enfoques culturais vinculados á realidade galega.

O desenvolvemento dos contidos literarios, culturais e territoriais realizarao o Consello da Cultura Galicia, mentres que Consellería de Educación, a través do Centro de Innovación Educativa e Dixital, colaborará no deseño educativo, metodolóxico e funcional da ferramenta, así como na análise da súa adecuación como recurso dixital para os centros de ensino.

0.27723407745361