Xunta e sindicatos firman o acordo para mellorar as ratios tamén na ESO e Bacharelato

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinou hoxe coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF o acordo para ampliar ás etapas de ESO e Bacharelato as melloras nas ratios. Complétase así o conxunto do sistema, pois a Xunta e estas mesmas organizacións xa acadaran previamente un pacto para Infantil e Primaria que comezou a desenvolverse en 2024. O sindicato CIG decidiu non participar nos mesmos.
Este novo acordo forma parte da liña de diálogo aberta en 2023 e que ten propiciado numerosos froitos desde entón en beneficio do ensino galego. A sinatura levouse a cabo en San Caetano coa participación de Ero Sante por parte de CCOO, Julio Trashorras de ANPE, Cristóbal Salgueiro de UGT e Rosa Silva de CSIF, ademais do conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
Así, Galicia avanza nunha folla de ruta propia, situando o noso sistema educativo á cabeza en España coas mellores ratios de alumnos por aula. En concreto, na ESO o máximo será de 25 estudantes a partir de setembro de 2028 fronte aos 30 vixentes actualmente no conxunto de España. Ano a ano, irá cubrindo progresivamente o resto de cursos. No caso do Bacharelato, o máximo será de 30 fronte aos 35 estatais. Neste senso, cómpre lembrar que en Galicia esta cifra xa se sitúa actualmente mellor, con 33.
Así pois, o vindeiro setembro complétase a redución de ratios de 25 a 20 alumnos en toda a etapa de Infantil, e o ano que vén arrancará o mesmo proceso en Primaria, pasando de 25 a 20. En setembro de 2028, emprenderase a rebaixa en Secundaria.
Coa redución de ratios en Secundaria queda pechado o novo paquete de melloras no ensino que amplían e intensifican o alcance das medidas do Acordo de 2023 enfocadas a blindar a calidade do sistema educativo galego e que abrangue tres puntos: os dous selados hai unhas semanas para reforzar a atención á diversidade (coa contratación ou consolidación de 400 profesionais) e as condicións do traballo do profesorado de ESO, Bacharelato, FP e Réxime Especial (como xa se fixera antes co de Infantil e Primaria) para un mellor servizo ao alumnado, e un terceiro punto, de redución de ratios, selado agora.