Xunta e universidades públicas galegas inician o diálogo para mellorar a organización e xestión da PAU

A Xunta de Galicia e as tres universidades públicas galegas veñen de iniciar o diálogo para a mellora da organización e da xestión operativa da Proba de Acceso á Universidade (PAU) en Galicia. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, Rosa Crujeiras, Ricardo Cao e Carmen García respectivamente.
Na xuntanza, na que tamén participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o conselleiro trasladou a aposta da Xunta para acadar un modelo de exame o máis seguro posible e que blinde a igualdade de oportunidades da mocidade no acceso á universidade, que opera como un distrito único para o que actualmente hai 17 portas de entrada distintas.
Neste senso, acordouse comezar a traballar de xeito dialogado nunha folla de ruta para establecer melloras de carácter estrutural e conxuntural, sempre dentro do marco normativo establecido no Real Decreto estatal de 2024.