Skip to main content
Barreiros

O Concello de Barreiros reclama a Augas de Galicia “igualdade no trato con respecto a outros concellos”

Por 21 Marzo, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de dirixir unha misiva a Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, na que lle amosa o malestar polo que considera unha “trato discriminatorio e discrecional entre Concellos á hora de repartir fondos destinados á mellora dos sistemas de saneamento municipais.”

A rexedora refírese á situación de encallamento que se está a dar á hora de financiar o proxecto de construción dunha nova depuradora en San Miguel, para o que o departamento autonómico fixou unha regra segundo eles inamovible dun cofinanzamento ao 33 %.

Porén, sinala Ermida, “estamos vendo continuamente convenios nos que Augas de Galicia financia porcentaxes moito máis altas, de ata o 95 ou o 100% nalgúns casos ben próximos a Barreiros.”

Por iso, a alcaldesa reclama da directora, como xa reiterou en numerosos escritos enviados a distintos dirixentes do goberno galego aos que non obtivo resposta, que “se considere un proxecto prioritario á hora de destinar fondos europeos” ou do contrario, continúa non se entende que “non exista unha vontade para afrontar un investimento da prioridade do que se trata.”

Ana Ermida finaliza o escrito trasladando como representante do conxunto da veciñanza de Barreiros, “o compromiso real dese departamento co Concello de Barreiros e coa súa poboación, dispensando a esta administración igualdade de trato con outras en situacións similares.” Neste sentido, solicita novamente que a construción da depuradora de San Miguel de Reinante se considere prioritaria e se destinen os fondos suficientes para a súa execución, a efectos de “non seguir hipotecando a saúde pública barreirense cunha regra inexistente para outros territorios”, ao tempo que se pon a disposición para “manter as xuntanzas que sexan precisas para desbloquear a situación e poñer en marcha tan ansiado e necesario proxecto.”