Skip to main content
Mondoñedo

Xa hai gañadores do concurso de adornos de Nadal de Mondoñedo

Por 5 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo vén de facer público o fallo do xurado da segunda edición do Concurso de Adornos do Nadal, que convoca a administración local coa finalidade tanto de incentivar a decoración de Nadal nas vivendas como de difundir o ambiente destas datas polas rúas.
As bases establecían dúas categorías. Por un lado, na modalidade individual, dirixida a particulares de vivendas que adornen as súas fachadas, balcóns, portais ou baixantes de auga, entre outros; obtivo o primeiro premio José Ramón Montenegro Espina (Muíños de Arriba, 35); que ademais de engalar a porta da súa vivenda tamén montou un Belén sobre un pequeno barco que flota nas augas do río dos Muíños. Mentres, Nélida Fernández (rúa Guevara, 18, 2º) acadou o segundo premio nesta modalidade individual.
Por outro lado, na modalidade colectiva, dirixida ás comunidades de veciños, barrios, rúas ou prazas que decoraran árbores, fachadas, farois ou mesmo parques; o xurado fallou o primeiro premio para o Barrio dos Muíños; mentres que o segundo recaeu no Hospital de San Pablo.
Os premios do concurso son un primeiro de 60 euros e un segundo de 40 euros tanto na modalidade colectiva como na individual.
Importante participación
O concelleiro de Educación, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto García, valora de xeito moi positivo a ampla participación dos veciños, que se involucraron nesta iniciativa promovida dende o Concello para que Mondoñedo amose “a súa mellor e máis completa estampa de Nadal”.
Alberto García agradece o bo facer e a colaboración do medio cento de veciños que participaron nesta iniciativa “que suma beleza ao que é considerado un dos Pobos Máis Bonitos de España, durante unhas datas especiais e diferentes”
Por último, o edil explica que os membros do xurado valoraron “aspectos tales como as composicións e deseños acordes co Nadal e respectuosos co entorno; a variedade na iluminación; a orixinalidade; a introdución de elementos tradicionais; ademais de que recomendaron a colocación de guirnaldas con tonalidades verdes, vermellas, con dourados e prateados. A zona elixida para ser decorada tivo que ser visible á vía pública”.