Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Comeza a funcionar no IES San Rosendo un simulador forestal

Por 1 Febreiro, 2019Sin comentarios

O IES Plurilingüe San Rosendo, en Mondoñedo conta xa cun simulador forestal en activo. Este equipamento, dirixido ás ensinanzas de FP da familia profesional de Agraria, contribúe a mellorar a cualificación do alumnado, de tal forma que os titulados conten cunha cualificación que responda ás necesidades do sector agroforestal.

Este simulador ten unha especial aplicación no ciclo superior de Xestión forestal e do medio natural e na titulación de FP Dual deste IES, a de grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural. Este ciclo desenvólvese en colaboración con 13 pequenas e medianas empresas da zona (Carronza, Construcción Obras y Viales Teixeira, Forestal Díaz Casariego, Hijos de Ramón Rubal, Tojeiro y Vidal e as empresas de madeira Masma, Díaz Ramos, Argimiro, Míguez de Burela, Naciente, Patricio, Villapol e Maderera de Cospeito).

O obxectivo do similador é permitir á industria forestal contar con persoal cualificado e gañar en competitividade e dar resposta ás necesidades da industria forestal a través da formación, que pretende chegar a máis de 5.000 alumnos para adaptar os seus coñecementos ao uso de novas tecnoloxías, tanto no eido da explotación forestal como na primeira e segunda transformación. 

O simulador forestal KF 500 conta cun programa de manexo de procesadora e autocargador. Cun sistema multipantalla e tecnoloxía 3D, permite a simulación en diferentes escenarios, a través dunha plataforma móbil oscilante que recrea as pendentes e os distintos tipos de terreo do monte. Trátase dunha máquina de última xeración que supuxo un investimento superior aos 80.000 euros.

A formación con simulador é un modo eficiente de ensinar a futuros operarios as funcións básicas dunha máquina forestal, que permite a posibilidade de probar novos métodos que poden xerar maior eficacia e produtividade. A contorna de aprendizaxe do centro permite familiarizarse coas diferentes etapas do traballo de toda a cadea de maquinaria, labores de tala e extracción da madeira, así como  técnicas de planificación da tala para a optimización do seu rendemento, o transporte da máquina libremente polo bosque e a visualización da paisaxe dende distintas perspectivas. Nesta formación combínase o manexo do procesado da madeira, o transporte da mesma e o uso de sistemas de datos, permitindo avaliar os resultados e a produtividade do traballo durante a formación.

Con este equipamento impartirase tamén unha formación para a actualización de coñecementos e destrezas de operarios que contribuirá a mellorar a cualificación dos traballadores forestais que traballan no monte galego, ao fomento do emprego e mesmo a reducir a siniestralidade laboral e o impacto ambiental no manexo de maquinaria pesada.

A dotación deste equipamento enmárcase no convenio asinado entre as consellerías de Educación e Economía en maio de 2018 para a subministración de equipamento de tecnoloxía Industria 4.0 para os centros educativos, de cara a achegar unha maior adaptabilidade dos coñecementos e das competencias profesionais do alumnado de formación profesional a estas tecnoloxías. Deste xeito, contribúese á inserción laboral destes titulados.