Skip to main content

Ata media mañá, Madia Leva, como organizadores da quinta xornada de billarda da LNB NorLeste, IX Torneo Cidade de Lugo, non decidiron si se xogaba a cuberto ou se optaba por arriscar e xogar no campo de fútbol de Nadela, moi pertiño da cidade das Murallas.

Finalmente, como o campo tiña boa pinta e o día semellaba dar unha pequena tregua no seu pingar, optouse por xogar o aire libre. Desta volta bateuse a marca de asistencia da tempada, foron setenta e cinco os que participaron.

A non presencia no torneo dos dous primeiros clasificados, Markytos polo seu debú como papá e Pepe de Outeiro por motivos persoais, deixou en franca vantaxe aos seus inmediatos perseguidores e tanto Charli como Regueiro, que acadaron unha boa puntuación, pasaron a comandar a táboa igualados a puntos.

Pola contra, o que saiu gran triunfador da tarde foi un Muriego plétorico. Hoxe, este multidisciplinar artista e vello pescador reconvertido en touro, subiu ao máis alto do podio. A sorte outras veces esquiva cando semellaba telo feito, hoxe non lle voltou as costas e puido por fin acadar un merecido triunfo.

Completaron o podio Albino de Carabullo como segundo clasificado e terceiro Juan Carlos de Campo da Feira.

As donas non o tiveron doado e foi regular a súa actuación, so Paula (Chainzos-Cadaval) se mantivo no seu nivel, o que xunto a cativa prestación de Geni, lle permite recuperar o mando na táboa. Segunda foi Lola Eiras de Billarda Verde e terceira Irea, de Carabullo.

Non foi día de varados tampouco como xa se agardaba e aínda que se viron moi bos golpes, ninguén traspasou a liña de varal a primeira.

O desembarco masivo dos compoñentes de Campo da Feira de Paiosaco, con todo o seu arsenal, derrubou a resistencia local e os visitantes da conferencia NorOeste, fixéronse coa victoria por equipos seguidos por Carabullo e por Troitas Bravas.

Xogaron tamén oito cativos dos que destacaron Abel Ponte de Campo da Feira (que é o actual campión nacional infantil), Paulo de Madia Leva e Aroa de Billardeiros Musicais.

Cos derradeiros golpes do encontro o luscofusco foi agrandando a súa presencia e facéndose o dono. Remataron coa entrega de premios ós gañadores e quedamos emprazados para a seguinte proba que será en Ribadeo o vindeiro 15 de decembro

As clasifiacións logo da quinta xornada quedan asi:

Individual:

  • Charli (Carabullo) 99 p.
  • Regueiro (Troitas Bravas) 99 p
  • Manu Pozo (Billardeiros Musicais) 94 p
  • Daniel (Billardeiros Musicais) 91 p.
  • Sachas (Troitas Bravas) 91 p.

Donas:

  • Paula (Chainzos-Cadaval) 64 p.
  • Geni (Billardeiros Musicais) 58 p.
  • Dori (Billardeiros Musicais 44 p.

Equipos:

  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 379 p.
  • Chainzos-Cadaval (Castro de Rei) 377 p.
  • Carabullo (Ponte de Outeiro) 367 p.
  • Troitas Bravas (A Pontenova) 367 p.