Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

En marcha unha campaña en defensa dos autónomos de Ribadeo

Por 31 Marzo, 2020Sin comentarios

Acisa Ribadeo pon en marcha unha campaña en defensa dos autónomos. Solicita a suspensión das cotas durante tres meses e das obrigacións tributarias do primeiro trimestre. O colectivo pide ademais a exoneración de todas as taxas municipais. A campaña denomínase #PorNuestrosNegocios.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, explica na carta dirixida ás súas asociadas e asociados que “a actual situación que vivimos fainos pensar que, como colectivo que vos representa, temos a obrigación de facelo. Somos conscientes de que as medidas que se están tomando, de confinamento, de cancelación da actividade económica, etc…, son necesarias para frear esta emerxencia sanitaria que está a causar tantos falecementos e que colapsa hospitais, pero tamén, cremos que estamos no noso dereito de pedir que iso non supoña a morte dos autónomos, dos comercios, dos establecementos hostaleiros e dos servizos”.

A campaña #PorNuestrosNegocios consiste en encher as webs e as redes sociais tanto empresariais como particulares das socias e os socios de Acisa coas seguintes frases: #AyudasReales, #EnCuarentenaImpuestosCero, #EnCuarentenaCuotaCero, “para achegar o noso gran de area defendendo os nosos negocios nesta terrible situación”.

Desde Acisa animan a incluír tamén as seguintes mensaxes:
CERO INGRESOS = COTA CERO
CERO INGRESOS = IMPOSTOS CERO
PROBLEMAS CONCRETOS = MEDIDAS CONCRETAS
CERO ACTIVIDADES = CERO TAXAS

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo reclama “a suspensión das cotas de autónomos polo menos dos meses de marzo, abril e maio, así como as obrigacións tributarias do primeiro trimestre e a necesidade de axudas reais e directas, ademais da exoneración de todas as taxas municipais”.

Iriarte Quintana subliña que “tamén solicitamos a constitución dunha mesa de traballo entre o concello e Acisa para coordinar unha nova estratexia de dinamización económica e demandamos que é esencial que se axilicen os pagos pendentes a provedores e á nosa asociación por parte das administracións”.

A campaña inclúe tamén unha carta aberta de Acisa, dirixida a toda a clase política: “ao goberno do Estado, á Xunta de Galicia e ao Concello de Ribadeo”.