Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Concellería de Medio Ambiente de Burela continúa co trampeo da avespa asiática

Por 22 Abril, 2020Maio 5th, 2020Sin comentarios

A Concellería de Medio Ambiente de Burela, por segundo ano consecutivo contratou os servizos de Serpa, empresa especializada na extinción da avespa asiática. Son os encargados de levar a cabo o trampeo profesional de raíñas velutinas no noso territorio.

A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explica que “antes de colocar as trampas foi  preciso realizar un estudo térmico do territorio. Este ano, como novidade, reforzamos o trampeo nas zonas limítrofes cos concellos de Foz e Cervo, para controlar as entradas de raíñas sobrantes doutros lugares. Ditas trampas realízanse con recipientes de plástico cun líquido especial que atrae ás velutinas, e colócanse en árbores con floración, pois é onde van comer as raíñas. Nestes intres as raíñas comezan a fabricar os niños primarios, que soen instalar a baixa altura e nos noiros. Ao instalar as trampas e capturar esas raíñas evítase que o seu ciclo avance. De feito, unha vez rematada a primeira fase en Burela capturáronse 101 raíñas”.

A concelleira burelesa invita “aos veciños a realizar o trampeo nas súas fincas, xardíns ou hortas, xa que a empresa contratada para tal fin non pode acceder a fincas de titularidade privada. O ano pasado notouse moito a participación activa dos veciños e veciñas de Burela. Se alguén non sabe como facelo ou ten dúbidas ao respecto pode poñerse en contacto con nós”.

Eijo engade que “se algún veciño divisa algún niño de velutina no pobo só ten que poñerse en contacto coa oficina de Medio Ambiente do noso Concello, que pasará o aviso aos operarios de Serpa e estes procederán a retiralo en breve”.