Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

As obras da vía ao Coto de Otero en Mondoñedo comezarán tralo pago da expropiación

Por 4 Agosto, 2020Sin comentarios

O inicio do procedemento de contratación das obras de ampliación do ancho da vía municipal de acceso dende a LU-124 ao barrio de Coto de Otero, na parroquia mindoniense do Carme, desenvolverase en agosto. 

Como paso previo, o Concello convocou aos propietarios da parcela ao acto de pago de ocupación dunha parcela expropiada, unha vez fixado por mutuo acordo o xustiprezo da porción de 267 metros cadrados. O acto desenvolverase o vindeiro 19 de agosto na Casa do Concello.

A ampliación desta infraestrutura viaria de titularidade municipal que constitúe a vía máis directa de comunicación entre o núcleo urbano de Mondoñedo e a parroquia de Lindín conta cun orzamento de 38.065,56 euros que permitirá tamén mellorar o firme e a sinalización.

Trátase dunha infraestrutura que “será moi útil aos veciños”, segundo sinalan dende o Goberno municipal; porque “permitirá proporcionar máis seguridade ás persoas que a usen nun suposto excepcional como é a saída dunha vía de alta capacidade (A-8)”.

O proxecto recolle o aumento do ancho da vía por ambas marxes ata o comezo do solo rústico ao tempo que se adapta á aliñación que marca o Plan Xeral de Ordenación Municipal . 

As obras consistirán na roza e limpeza do terreo con retirada da terra vexetal, a demolición do muro de contención e peche, dos pasos salvacunetas existentes, así como do pavimento que sexa necesario retirar para executar o novo paquete de firme. A escavación por medios mecánicos para a retirada de terras tras o muro e xunto á calzada para a ampliación da caixa do firme e a cuneta, a execución de gabia para aloxar a canalización do cableado, a construción de muro de pedra e dos pasos salvacunetas, e a execución da nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente ao igual que do pintado de marcas da vía e recolocación dos sinais.