Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O centro Pedro Murias de Ribadeo conta cun novo ciclo medio

Por 7 Agosto, 2020Sin comentarios

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo conta cun novo ciclo medio que xa ten cubertas o 80 por cento das súas prazas. Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, que inaugurou no centro ribadense unha acción divulgativa sobre o potencial resineiro dos piñeirais da nosa comunidade.

Así, segundo explicou Rodríguez, as instalacións do Pedro Murias volverán abrir as súas portas tras sete anos pechadas. Farano da man do ciclo medio en modalidade dual de Aproveitamento e conservación do medio natural, para o que xa hai confirmados 16 alumnos, dun total de 20 prazas.

Cabe destacar que o centro ribadense retomará a actividade, ademais, constituíndo o Polo da Formación Forestal da Mariña xunto co IES San Rosendo, de Mondoñedo. Así, o instituto mindoniense complementará a oferta educativa do CFEA Pedro Murias con formación relacionada coa horta.

En concreto, o novo ciclo que se implantará en Ribadeo terá unha duración de dous anos e 2.000 horas de formación, repartidas en clases teóricas e prácticas que se desenvolverán tamén no IES de Mondoñedo e en empresas do sector. A maiores, apostará pola formación continua con técnicos de Finlandia e outros países desprazados a Galicia, así como poñendo o programa Erasmus+ no país escandinavo a disposición tanto de profesores como de alumnos. Da formación continua poderán beneficiarse así mesmo os distintos operadores do sector forestal da Mariña lucense, con cursos orientados tanto ao aproveitamento do recurso como á súa transformación.

A oferta enmárcase no compromiso da Xunta a prol da formación continua e dos certificados de profesionalidade, ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural. O obxectivo é seguir animando aos mozos a apostar polo rural galego, favorecendo a remuda xeracional e a fixación de poboación no agro.

Deste xeito, unha vez rematada a formación, as persoas que obteñan o título de Aproveitamento e conservación do medio natural poderán exercer en empresas grandes, medianas ou pequenas, tanto públicas como privadas, dedicadas aos traballos de repoboación forestal, de restauración e ordenación hidrolóxica forestal e de aproveitamento forestal, así como de control e vixilancia do medio natural.

Potencia forestal

O director da Agacal puxo de relevo a aposta da Consellería do Medio Rural pola formación durante a inauguración dunha xornada divulgativa sobre o potencial resineiro dos piñeirais galegos, que terá lugar esta tarde no CFEA Pedro Murias. Serán catro horas repartidas en parte teórica e práctica cunha demostración sobre piñeirais da zona. Para complementar esta iniciativa, a Consellería impartirá un curso de técnicas de extracción de resina no propio centro ribadense, cunha duración de 60 horas, os días 17, 18, 19, 24 e 25 de agosto e os 7, 8, 14, 15 e 19 de setembro.

O mesmo proceso repetirase no CFEA de Monforte de Lemos, que mañá acolle a xornada sobre o potencial resineiro dos piñeirais da comunidade, mentres o curso terá lugar os 17, 18, 19, 26 e 27 de agosto e os días 9, 10, 16, 17 e 18 de setembro.