Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Deputación colabora no acondicionamento de ‘El Viejo Pancho’ en Ribadeo

Por 11 Agosto, 2020Sin comentarios

A área de Cultura da Deputación asinará un convenio interadministrativo co Concello de Ribadeo coa fin de executar obras de acondicionamento da “Casa do Viejo Pancho”, destinada a usos culturais.

O Concello proxecta rehabilitar un espazo específico para preservar os fondos bibliográficos doados polo dramaturgo Daniel Cortezón, (Ribadeo, 1927-2009), formado por  mais de 6.300 libros e 900 revistas. Tamén se pretende habilitar unha sala de exposicións que albergue as figuras orixinais de xigantes e cabezudos que seguen a formar parte da tradición cultural nas festas ribadenses.

A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “o investimento en equipamentos culturais públicos é clave para soster unha cultura de base e no territorio. Concellos e asociacións culturais precisan espazos adecuados para desenvolver a súa actividade nas mellores condicións posibles”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura ribadense, Pilar Otero,  agradeceu “especialmente o grao de involucración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo”

As obras, financiadas con 20.000 euros pola área de Cultura provincial e con 1.700 euros do goberno municipal, incluirán carpintería, impermeabilización, pintado e pavimento.

El Viejo Pancho

O predio é a casa natal de José María Alonso de Trelles y Jarén (Ribadeo, 1857-1924), poeta uruguaio de orixe ribadense coñecido como “El Viejo Pancho”. É un dos escritores máis relevantes da literatura gaucha uruguaia, unha corrente literaria propia das culturas rurais americanas. A súa obra máis coñecida é “Paja Brava”.

O edificio é un espazo dinámico e vivo, ao servizo dos colectivos que dinamizan o tecido social ribadense e en particular da área do centro histórico. Acolle parte dos fondos da biblioteca municipal e emprégase tamén como oficina da Delegación Municipal de Cultura.