Skip to main content
Antas de Ulla

Ava pregunta pola construción do centro de saúde de Antas

Por 15 Xaneiro, 2021Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (Ava) preguntará no vindeiro pleno sobre a construción do centro de saúde do municipio, un proxecto que o Sergas e o Concello anunciaron fai un ano, momento no que asinaron un protocolo de colaboración.

O grupo municipal, que denuncia a “escasa información que ten a veciñanza”, preguntará sobre os prazos nos que está previsto que se execute a obra. Tamén se interesará tamén pola vontade do goberno local e da Consellería de Sanidade de elevar o protocolo de colaboración a un convenio. “Os protocolos expresan a vontade das administracións, pero non son vinculantes. Só os convenios teñen efectos xurídicos”, indicou a formación.

Desde Ava tamén declaran que, ademais de construír unhas novas instalacións, “faise necesario manter de xeito correcto as actuais, e que o Sergas debe comprometerse a cubrir con dilixencia as ausencias do persoal sanitario”. Lamentan que “a pesar das promesas este 2021 non vai ser o ano dun novo centro de saúde para Antas de Ulla”.