Skip to main content
Chantada

Barallan pospoñer ata o verán ou outubro a Feira do Viño de Chantada

Por 25 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Pasada edición da Feira do Viño de Chantada

A pandemia sanitaria que azouta a todo o mundo segue obrigando a suspender, ou cando menos aprazar, boa parte das citas festivas previstas na nosa provincia. É o caso da Feira do Viño de Chantada que, de non ser pola actual situación, abriría en marzo o calendario de ferias vitícolas na Ribeira Sacra. Agora barállase pospoñela ata o verán ou mesmo ata o mes de outubro. Así se falou nunha reunión recente entre o alcalde chantadino, Manuel Lorenzo Varela, e o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, cos bodegueiros.

Na xuntanza abordáronse diferentes posibilidades. Unha delas pasaría por manter os días 12 e 13 de marzo, data oficial do festexo, unha cata oficial e algunha visita a bodegas da zona, sempre con grupos reducidos e atendendo a todas as recomendacións sanitarias. Outra, por pospoñer a feira ata o verán ou mesmo ata o mes de outubro, despois da tempada da vendima. Iso sí, o formato sería ben diferente: as casetas das bodegas poderían instalarse en distintas rúas e prazas de Chantada no canto de agrupadas na carpa da Avenida de Monforte.

Por agora todo segue no aire. Representantes do Goberno local e dos bodegueiros manterán os encontros para ir definindo as accións que se levarán a cabo. O seguinte previsto será o vindeiro venres 29.