Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte restaurará a cuberta da Praza de Abastos

Por 29 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Praza de Abastos de Monforte

O Concello de Monforte vén de publicar o anuncio de licitación para a mellora e restauración da cuberta da Praza de Abastos da localidade. A actuación conta cun orzamento de 67.967,27 euros e as ofertas poden presentarse ata o vindeiro 17 de febreiro.

O obxectivo deste proxecto é, segundo o propio alcalde de Monforte, José Tomé Roca, “dunha banda, rehabilitar e mellorar a cuberta da Praza de Abastos, que presenta certas deficiencias, e doutra, aproveitar a citada obra de rehabilitación para a instalación de dúas chemineas que doten de ventilación a zona dos postos, facilitando deste xeito a posibilidade de que se poidan crear postos para a venda de alimentos procesados. Seguimos así desenvolvendo o noso plan de mellora de infraestruturas urbanas da nosa cidade, neste caso para solventar as deficiencias da cuberta dun edificio tan importante na nosa cidade como o é a Praza de Abastos”. 

O edificio da Praza de Abastos de Monforte está situado nun entorno protexido xa que se atopa dentro do casco histórico, concretamente entre as Rúas Bailén e Ricardo Quiroga. Actualmente está composto por unha nave central de forma rectangular resolta con cuberta a dúas augas de placas de fibrocemento.

A nave principal, destinada a mercados de tempada e exposicións, dispón de dous corpos acaroados e comunicados interiormente. O corpo lateral dereito, segundo se accede á Praza de Abastos dende a rúa Bailén, está destinado a cafetería e dispón de cuberta plana. O corpo lateral esquerdo dispón de distintos tipos de solucións de cuberta; dúas cubertas a catro augas, resoltas con placas de fibrocemento; dúas cubertas a tres augas, tamén con placas de fibrocemento; e unha cuberta plana.

MELLORA PREVISTAS

O goberno local decidiu acometer as obras de mellora debido ao “mal estado de conservación” das cubertas inclinadas resoltas con placas de fibrocemento, que mesmo filtran auga ao interior do inmoble. Entenden que o fibrocemento visto non é un material acorde co entorno no que se atopa o edificio. Desde o Concello lembran tamén que os canlóns para a recollida de augas pluviais dos que dispón o edificio son de PVC, un material “que tampouco se adecúa ó entorno do inmoble, ademais de atoparse tamén mal conservados”.

No marco deste proxecto prevese actuar tamén nas outras zonas da cuberta da Praza de Abastos, onde o edificio non dispón de planta alta, que se atopan resoltas con paneis de chapa ou paneis sándwich e onde tamén se rexistran filtracións de auga ao interior do inmoble, e a instalación dun conduto de ventilación ao exterior desde o espazo destinado ao mercado de abastos, para que se poidan instalar postos de procesado de alimentos.