Skip to main content
Monforte

Monforte renovará as súas papeleiras

Por 30 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O vindeiro luns, 1 de febreiro, o Concello de Monforte poñerá en marcha o plan para a renovación das papeleiras de toda a localidade. Cambiaranse 242 e reubicaranse outras 55. Para o alcalde monfortino, José Tomé Roca, “esta actuación terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto urbano da cidade, xa que suporá a unificación dos modelos de papeleiras existentes, modernizando e uniformizando este mobiliario urbano que é utilizado diariamente polos nosos cidadáns”.

O plan para a renovación das papeleiras urbanas de Monforte, inclúese dentro das actuacións de mellora previstas trala renovación do contrato subscrito polo Concello coa empresa FCC Medio Ambiente para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.

Para a renovación deste mobiliario urbano, prevese unha inversión de algo máis de 43.000 euros. O proceso de instalación das novas papeleiras dará comezo o vindeiro luns e a duració prevista dos traballos é de 4 semanas.

AS NOVAS PAPELEIRAS

O Concello de Monforte elexiu para o centro histórico un modelo de papeleira ornamental, denominada Papeleira Milenium 80L, de fundición de aluminio acorde coa singularidade do entorno e que está decorada co escudo oficial do Concello de Monforte. Estas papeleiras contan cunha maior capacidade que as existentes, incrementándose o volume útil de 50 a 80 litros.

En concreto, instalaranse 69 unidades desta papeleira ornamental en todo o casco histórico, como son as rúas peonís do centro, a praza Campo de San Antonio, a zona de San Vicente e o Campo da Compañía.

No resto da cidade, o modelo unificado de papeleira que se instalará será o Millenium 50L, que dispón dunha boca de acceso reducida para evitar o depósito de bolsas de lixo. Deste modelo instalaranse 173 unidades novas e reubicaranse outras 55 das retiradas das ubicacións onde se instalarán as papeleiras ornamentais.

No Parque dos Condes manteranse e adecuaranse as papeleiras de madeira existentes. Nas rúas Duquesa e Estrela manteranse as papeleiras que foron colocadas nas obras de renovación realizadas recentemente en ditas rúas, e tamén se manterán as papeleiras na ruá Reboredo, que son do mesmo modelo que as da rúa Duquesa, mantendo así a estética desa zona da cidade.

“Con este plan retiraremos da cidade papeleiras de moita antigüidade, que contan cunha boca para o depósito de tamaño excesivamente grande, o que facilitaba nelas o depósito inadecuado de bolsas de lixo. Do mesmo xeito, incrementaremos a eficiencia no mantemento das papeleiras, xa que o Concello contará cun stock uniforme para subsanar posibles avarías ou reposicións provocadas por actos vandálicos, mellorando a operatividade e a calidade do servizo para todos os monfortinos e monfortinas”, conclúe o alcalde monfortino.

Modelo da nova papeleira ornamental