Skip to main content
Viveiro

Seleccionan a Viveiro para participar nunha campaña de reciclaxe

Por 12 Febreiro, 2021Sin comentarios

Material da campaña

O Concello de Viveiro foi escollido para participar na campaña “Únete ao Reto”, organizada por Ecoembes e a consellería de Medioambiente. A iniciativa pretende mellorar a reciclaxe no contedor amarelo e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de facelo correctamente.

A campaña ten unha duración de 3 meses, na que os concellos deberán asumir o reto de mellorar a súa achega de envases lixeiros ao colector amarelo. Latas, briks e envases de plásticos son o tipo de residuos que se deben depositar neste contedor. O reto pretende mellorar, cando menos, nun 10% a achega destes envases en cada municipio en comparación co mesmo periodo do ano pasado.

Viveiro ten ata o 30 de abril deste ano para superarse a si mesmo e mellorar as súas cifras do ano pasado. Unha vez acadado este obxectivo, a organización entregará un premio de 2.000 euros a cada concello gañador para destinar a unha causa social local da súa elección.

En total, 15 concellos galegos considerados estratéxicos por parte da campaña resultaron seleccionados para sumarse a ela. Así, Viveiro participará xunto a Arteixo, A Estrada, Boiro, Cambados, Carballo, Ferrol, Lalín, O Porriño, Ourense, Ponteareas, Ribeira, Sanxenxo, Teo e Tui.

O Concello de Viveiro, así como o organización do proxecto, pretenden mellorar a taxa de reciclaxe máis aló destes tres meses, sensibilizando á cidadanía sobre a importancia para o medioambiente de separar correctamente os residuos en cadanseu contedor.

Co obxectivo de concienciar á cidadanía, a campaña inclúe un programa de accións, como contedores amarelos xigantes, stands informativos ou vinilos decorativos. Ademais, procederase tamén a realizar unha activa campaña en medios de comunicación, publicidade exterior e redes sociais.